Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e Fademur recoñecen a labor das mulleres rurais

O Festiletras de Ponteceso, o taller de artesanía Vacatola de Ferrol, María Luz Gómez Fernández, da Granxa O Castiñeiro de Ordes e a xornalista de La Voz de Galicia María Cedrón foron galardoadas este ano polo seu compromiso feminista co rural

Valentín González Formoso destacou "o papel esencial das mulleres no desenvolvemento social e económico do rural galego"

A Deputación da Coruña e Fademur recoñecen a labor das mulleres rurais

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller da Rural, a Deputación da Coruña e Fademur organizaron hoxe na Granxa O Castiñeiro, no Concello de Ordes, un acto conmemorativo para recoñecer publicamente a labor das mulleres rurais nos distintos eidos.

Debido ás limitacións ocasionadas pola expansión da COVID-19 decidiuse facer este acto nun formato reducido e só participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, a presidenta de FADEMUR Galicia, Rosa Arcos, e o secretario xeral de Unións Agraria, Roberto García.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou que "debido ás restricións sanitarias non puidemos levar a cabo o tradicional encontro multitudinario no que se xuntaban centos de mulleres do rural da provincia para elevar a súa voz e as súas reivindicacións pero para nós é un compromiso ineludible e cremos que este tipo de accións son necesarias para facer visible o papel decisivo das mulleres no desenvolvemento social e económico do rural galego".

González Formoso destacou "o papel esencial das mulleres no rural" e reiterou "o compromiso da Deputación para continuar traballando a través da promoción de actuacións, programas e estratexias que se vexan reflectidas en oportunidades laborais e faciliten medidas de conciliación".

A presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, afirmou tamén que, a pesar das restricións ocasionadas pola pandemia, decidiron manter estes recoñecementos "que contribúen a facer visible ante a sociedade o papel decisivo da muller no rural galego".

Entrega de galardóns

O acto de hoxe incluíu unha entrega de galardóns que pretenden recoñecer o labor das mulleres rurais en distintos ámbitos.

O festival Festiletras de Ponteceso, o taller de artesanía Vacatola de Ferrol, María Luz Gómez Fernández, da Granxa O Castiñeiro de Ordes e a xornalista da La Voz de Galicia María Cedrón, foron premiadas este ano polo seu compromiso feminista co rural.

Festiletras (Recoñecemento á súa achega ao mundo da cultura, a lingua e as artes). O Couto é un lugar da parroquia de Cospindo no concello de Ponteceso, conta con apenas 150 habitantes, e dende hai anos convértese por uns días no centro da cultura, da arte, da música, das tradición e os oficios. Cada ano dende hai máis de 30, Festiletras renova a súa oferta de música, cultura, obradoiros, mostra artesá, demostracións de oficios, xogos populares... tratando de achegalo á xente de distintas idades que se achega pola aldea do Couto, no que os espazos comúns e os privados están a disposición dos visitantes e do encontro cultural. Así a Casa das Veciñas, a Eira de Gervasio ou a da Cantexa, son de súpeto lugares de encontro de grandes artistas da galegos, con un público chegado de tódolos lugares. Para a organización de esta actividade e outras que se levan a cabo no Couto, hai unha tradición entre a veciñanza de participación, de alianza, de colaboración e de voluntariado, no que cada quen aporta o seu tempo e o seu mellor saber. Neste intercambio tamén hai unha compoñente de colaboración interxeracional que fai de este proxecto unha aposta singular.

Taller de artesanía 'Vacatola'-Ferrol (Recoñecemento á posta en valor dos nosos produtos e da nosa artesanía). Iria García, é a titular do taller de artesanía e xunto coa súa parella Iván, manteñen un pequeno obradoiro onde deseñan e elaboran complementos en coiro. Utilizan para as súas creacións peles procedentes de curtidurías ecolóxicas, traballando de xeito exclusivo con curtidores tradicionais, nos que so se usan para o traballo do curtido taninos de orixe vexetal que respectan o medio ambiente. Nos seus deseño podemos ver elementos decorativos moi ligados á natureza e ás artes e as tradicións galegas, mesmo algunhas das súas creación levan nomes como: terra, campá, esquecemento, estrelamar, cachena, puchiño, carballo... O seu sempre foi a comercialización directa, o contacto coa xente, por iso ata hai ben pouco o seu xeito de dar a coñecer o seu produto foi fundamentalmente a presenza en feiras tradicionais, feiras medievais e feiras de artesanía. Este ano, debido á situación de pandemia que estamos a vivir, que obrigou á ou non celebración de moitos eventos nos que viñan participando, tiveron que facer un esforzo por reinventarse e encara esta nova situación. Non deixaron por elo de facer un produto de calidade, avalado polo selo de Artesanía de Galicia, e nos últimos tempos, tampouco deixaron de facer o esforzo por estar presentes no espazo virtual, apostando por unha imaxe coidada, e achegada tanto nas súas redes sociais como na súa tenda online. Recentemente apostaron por abrir un pequeno punto de venta na cidade de Ferrol, aínda que a súa vocación e as súas raíces seguen estando no rural.

María Luz Gómez Fernández, da Granxa o Castiñeiro (Recoñecemento ao compromiso co sector primario e o territorio). Esta emprendedora, gandeira de primeira xeración, ten a súa explotación dividida entre o concello de Ordes e o de Frades. Sempre tivo claro que quería ter animais de razas autóctonas, e nese sentido encamiñou o seu traballo. En Ordes, no lugar de O Piñeiro, onde tamén ten o domicilio familiar, dedícase á cría de galiña de Mos, actividade coa que comezou e que leva desenvolvendo dende hai máis de 12 anos, e mantén un curral con máis menos 70 pitas. A principal fonte de ingresos do traballo é a venta de ovos e de galiñas para consumo. A través da incubación de ovos na propia granxa, fai a súa propia recría e tamén vende algúns pitos para novas granxas de galiña de Mos. Sempre lle gustaron, pola súa aparencia, pola súa fermosura, as vacas da raza Cachena. En Frades, no lugar de Brañas pertencente á parroquia de Papucín, ten o seu rabaño de vacas cachenas que oscila –dependendo da época do ano- entre as 30 ou as 50 cabezas. A carne que obtén da cría do gando, se comercializa directamente en lotes, envasada ao baleiro, tratando de chegar directamente ao consumidor final. Como a meirande parte das mulleres do noso rural, compaxina o traballo na explotación co coidado da súa nai, e tamén se preocupa de colaborar no coidado dos seus sogros. Traballa normalmente soa, non ten traballadores contratados, si que de cando en vez colabora con ela o seu fillo. Ten o seu pequeno espazo nas redes sociais con un perfil de Facebook: "Granxa O Castiñeiro" que tamén lle leva o seu tempo ter ao día, e no que podemos apreciar como traballa no seu día a día, e cal é o seu produto final. Soe participar en feiras e eventos onde as razas do país teñen o seu espazo e traballa co comercio e a hostalaría local para a venta do seu produto.

María Cedrón, xornalista (Recoñecemento ao compromiso coa igualdade e o medio rural). María Cedrón medrou pegada á terra, e herdeira dunha familia de tradición rural, onde súa avoa que quedou viúva moi nova foi quen de sacar a diante ós fillos e fillas, que foron a estudar a unha escola rural, entre eles seu pai. Descubriu os nomes de cada herba que medraba nos soutos que rodean a súa vila natal, aprendeu a escoller as mellores mazás para a sidra e a apañar caracois para mandar para os restaurantes de Cataluña. Tamén aprendeu como se traballa no campo, dende recoller a herba a muxir unha vaca, na casa da súa avoa paterna. E houbo un tempo, de nena, no que quixo ser veterinaria, pero ao final tiroulle iso do xornalismo porque era unha forma de dar voz aos que non a ten ou, cando menos, a esas persoas que non teñen a oportunidade de berrar alto. Durante os máis de vinte anos que leva traballando en La Voz de Galicia tivo a oportunidade de pasar por distintas seccións, de Economía a Local, pasando pola sección de Reporteiros. Agora coordina o portal Somos Agro no que, dalgún xeito, cumpre coa obriga de dar voz ao campo e, como non, ás mulleres que sempre estiveron a pé de obra para levantar as explotacións dun país, Galicia, no que a agricultura, a gandería ou o sector forestal teñen tanta importancia.

María foi quen de ver, e é capaz de facernos ver nas súas reportaxes, a esas mulleres ás que durante anos non se lles recoñeceu o gran papel que teñen no mantemento dun sector produtivo que, sobre todo agora coa pandemia, tense mostrado como esencial e vital, tanto para os que viven no rural como para os que viven no último piso dun rañaceos. E non hai nada que a faga sentir máis orgullo a aquela nena que vía os debuxos animados de Heidi e que quería ser veterinaria que dar voz ás mozas que queren incorporarse ao campo; as mulleres que loitan porque a súa voz se deixe escoitar nos órganos directivos das cooperativas, das organizacións agrarias, dos GDR...; ás rapazas e ás que xa non o son tanto que están a pé de campo nas hortas, nas granxas; ás que coidan aos vellos ou as que optaron por quedarse nos pobos para dar servizos ós que viven no medio rural. No Somos Agro, as mulleres teñen un espazo, teñen voz propia, porque María non entende un rural sen mulleres.

Páxinas suxeridas