Estás en:Novas

126 ofertas presentadas á licitación das obras da Vía Verde Santiago-Cerceda

Corresponden aos tramos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda, cun investimento total de 1,9 millóns de euros

Será a Vía Verde de maior lonxitude de Galicia, conectando os 36,5 quilómetros que separan Santiago e Cerceda cun itinerario para camiñar ou andar en bici que discorrerá sobre as antigas vías do ferrocarril

126 ofertas presentadas á licitación das obras da Vía Verde Santiago-Cerceda

A Deputación da Coruña recibiu 126 ofertas no proceso de licitación pública das obras de construción da Vía Verde Santiago-Cerceda, que rematou o 19 de outubro.

Os tres tramos que saíron a licitación son os de Oroso (720.856,72 euros), ao que se presentaron 42 ofertas, Ordes (506.423,48 euros e 43 ofertas) e Tordoia-Cerceda (677.094,17 euros e 41 ofertas). En total, as obras suman un investimento total superior aos 1,9 millóns de euros para converter os 36,5 quilómetros da antiga liña ferroviaria entre Santiago e Cerceda na primeira Vía Verde da provincia e a de maior extensión de Galicia, creando un equipamento para camiñar ou andar en bici que terá unha importante repercusión turística e socioeconómica para os concellos polos que discorre.

A Vía Verde enmárcase na aposta da Deputación por fomentar unha mobilidade sostible na provincia. Contará cunha banda de circulación para peóns de 1,5 metros de ancho e outra de 2 metros para uso ciclista. Dotarase ao itinerario de drenaxes e outras obras complementarias coma a construción de muros e noiros, instalación de varandas en pontes e viadutos, iluminación de túneles activada por presencia ou adecuación de áreas de descanso, nas que se instalarán bancos e mesas de madeira e estacións aparcabicis.

O proxecto inclúe tamén a instalación de carteis de contextualización ferroviaria e elementos innovadores coma eco-contadores e cargadores de bicicletas eléctricas.

Páxinas suxeridas