Estás en:Novas

A Deputación licita as obras de construción de sendas sendas peonís en Tufións (Vimianzo)

As obras suporán un investimento de preto de medio millón de euros para mellorar a seguridade peonil na zona

Inclúen tamén a renovación do firme da estrada e da iluminación pública, coa instalación de 16 luminarias LED

A Deputación licita as obras de construción de sendas sendas peonís en Tufións (Vimianzo)

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de construción de sendas peonís na estrada DP 1603 ao seu paso por Tufións, na parroquia de Cereixo (Vimianzo), cun orzamento de 493.846,69 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que o proxecto responde á demanda realizada no seu día pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, co obxecto de mellorar a seguridade nunha zona que conta con numerosas vivendas e parcelas de uso agrario e que actualmente carece de beirarrúas ou espazos seguros para o paso peonil.

As obras executaranse no tramo que discorre entre os puntos quilométricos 2+850 e 3+480, onde se construirán sendas en ambas marxes da calzada, o que suporá unha importante mellora para a accesibilidade e seguridade dos habitantes deste núcleo, facilitando os seus desprazamentos sen necesidade de ocupar a calzada.

As sendas, de 1,80 metros de ancho construiranse con firme de mestura bituminosa estarán delimitadas con bordos prefabricados para separalas do tráfico rodado.

Tamén se actuará sobre o firme da estrada, renovando o seu acabado mediante a dotación dunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor, instalarase un novo sistema de recollida de pluviais para mellorar a drenaxe da vía e dotarase ao tramo de novo sistema de iluminación pública, soterrando as liñas aéreas actuais e instalando 16 novas luminarias LED con soportes de 9 metros de altura, que mellorarán o alumeamento da calzada e suporán un importante aforro enerxético.

Páxinas suxeridas