Estás en:Novas

A Deputación remata as obras da travesía da Ponte de Porto (Camariñas) e mellorará a estrada de acceso á praia de Leis, en Muxía

As obras na Ponte do Porto supuxeron un investimento de 440.000 euros para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade, ademais de renovar a contorna con nova iluminación, zonas axardinadas e mobiliario urbano.
González Formoso comprometeu apoio da Deputación para mellorar a estrada de Leis, unha obra que dará continuidade á actuación xa acometida no acceso á praia de Lago, na que se investiu máis de medio millón de euros

A Deputación remata as obras da travesía da Ponte de Porto (Camariñas) e mellorará a  estrada de acceso á praia de Leis, en Muxía

A Deputación da Coruña ultima os derradeiros detalles das obras de acondicionamento da travesía da Ponte do Porto, en Camariñas, e anunciou hoxe que mellorará a estrada que dá acceso á praia de Leis, en Muxía.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, acompañados dos enxeñeiros da institución provincial, visitaron hoxe a travesía da Ponte do Porto para comprobar in situ o resultado duns traballos que supuxeron un investimento de 440.000 euros para mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a estética da contorna.

"O resultado paga a pena", afirmou o presidente provincial, que lembrou que na súa última visita á zona as baldosas das beirarrúas, o firme da estrada, as varandas de seguridade e o mobiliario urbano presentaban un estado de deterioración importante. "Ademais de mellora da seguridade na DP 1603, levouse a cabo unha notable mellora estética desta zona do paseo, que conta con novas varandas e pavimento, zonas axardinadas, árbores, bancos e luminarias led chantadas no paseo que contribúen a humanizar e pór en valor un entorno tan singular coma este", apuntou González Formoso, que incidiu na importancia de conservar A Ponte do Porto, "un lugar emblemático da provincia da Coruña e dos máis bonitos de Galicia".

Pola súa banda, a alcaldesa Sandra Insua agradeceu o investimento da Deputación para este importante proxecto de reurbanización da Ponte do Porto, "unha obra moi demandada". Destacou á súa vez que "se non é polo apoio da Deputación, os concellos estariamos totalmente desamparados" e agradeceulle ao presidente "a súa aposta por Camariñas". A rexedora anunciou que agora espera continuar coa segunda fase das obras, que inclúe a conexión co Concello de Vimianzo.

O deputado de Vías e Obras, Jose Manuel Pequeño, quixo remarcar na súa intervención a importancia do ensanche das beirarrúas, que permitirán mellorar a circulación peonil garantindo a seguridade e facilitando a accesibilidade ao lugar.

O presidente, a rexedora e o deputado provincial, tamén se achegaron ata a estrada de Ponte do Porto a Camelle e a ata a vía de acceso a Camelle, lugares nos que a alcaldesa lle demandou á Deputación a continuación de sendas para unha maior seguridade, dúas demandas históricas municipais. Á súa vez, visitaron a Aldea Madeira, lugar que conta co apoio do ente provincial para sacar adiante o proceso de licitación para a súa rehabilitación.

A Deputación mellorará a seguridade viaria na estrada de Leis, en Muxía

O presidente tamén visitou na xornada de hoxe o Concello de Muxía, onde se achegou acompañado polo alcalde do municipio, Iago Toba, e os concelleiros Olalla Benlloch e Javier Romar, ata a estrada que dá acceso ás praias de Leis e Lago para observar o estado no que se atopa.

O presidente comprometeu o apoio provincial para mellorar a vía que dá acceso á praia de Leis, unha obra que dará continuidade á actuación xa acometida polo ente provincial no acceso á praia de Lago, na que se investiron 495.000 euros e que foi "un exemplo de recuperación dunha vía pola que circula a prolongación do Camiño Fisterra-Muxía".

González Formoso explicou que a obra se realizará o ano que vén e que con ela se mellorará a pavimentación da estrada e se creará un paso seguro para peóns nun lugar que "ten unha presión de inseguridade viaria clara, sobre todo en época primaveral e estival", momento no que se achegan máis persoas ao municipio. A contorna conta ademais con diversos negocios, entre os que figuran tres cámpings, sendo un punto de elevado tránsito vehicular e peonil.

Pola súa banda, o rexedor do municipio, Iago Toba, quixo agradecerlle ao presidente o seu "compromiso con Muxía en xeral, e con esta actuación en particular, que é unha demanda histórica". O alcalde tamén quixo destacar que ademais dos múltiples negocios e das importantes praias que hai na contorna, a veciñanza do núcleo de Leis precisa poder acceder ás súas vivendas con garantías de facelo de forma segura.
O presidente, o alcalde e os concelleiros tamén visitaron no encontro a confraría de pescadores "Virxe da Barca", onde representantes do sector pesqueiro e marisqueiro agradeceron o apoio que ofrece a Deputación coas súas axudas, que este ano contan cun orzamento de medio millón de euros para os pósitos coruñeses.

Toba quixo destacar que en Muxía "as confrarías non fan só un labor económico, senón tamén social", e resaltou que a lonxa xa constitúe un edificio simbólico para a cultura mariñeira.

Pola súa banda, González Formoso amosou o compromiso da Deputación cun sector tan importante para a provincia, como é o marisqueiro e pesqueiro. Na visita institucional os dirixentes tamén se reuniron coas palilleiras da Nosa Señora da Barca.

Páxinas suxeridas