Estás en:Novas

O pleno da Deputación aproba os proxectos de terminación de dúas obras en estradas provinciais de Oleiros e Lousame

Ambas quedaron paralizadas pola quebra da anterior empresa adxudicataria

En Oleiros, contémplase un investimento de 575.816 euros para rematar a ampliación da estrada Mera-Veigue e a súa conexión coa Vía Ártabra

En Lousame, retomaranse os traballos de ampliación da ponte sobre o rego Pesqueira, que pasará de 5 a 12 metros de ancho e contará con paso peonil seguro

O pleno da Deputación aproba os proxectos de terminación de dúas obras en estradas provinciais de Oleiros e Lousame

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe os proxectos de terminación das obras de ampliación e mellora da estrada DP 5815 de Mera a Veigue, en Oleiros, e da nova ponte sobre o rego Pesqueira na DP 4202 de Aldea Grande ao Couto, en Lousame.

Ambas quedaron paralizadas a principios deste ano debido á quebra da empresa construtora que tiña adxudicadas ambas as dúas obras, polo que o departamento provincial de Vías e Obras procedeu á resolución do contrato e redactou os proxectos técnicos para continuar e rematar os traballos, que agora veñen de ser referendados polo pleno como paso previo a unha nova licitación.

No caso de Oleiros, o proxecto de terminación conta cun orzamento de 575.816,35 euros, que se suman aos 44.180 € xa investidos nas expropiacións dos terreos necesarios para acometer o proxecto.

As obras contemplan a ampliación da plataforma actual da vía ata os sete metros de ancho no tramo de preto de dous quilómetros que vai dende o PK 0+400 (Mera) ao 2+200, onde conecta coa Vía Ártabra.

Tras varios meses de inactividade na obra, gran parte deles en inverno, os traballos realizados víronse afectados, polo que parte do proxecto se destinará a acondicionar o xa realizado. Inclúense tamén algunhas actuacións non proxectadas inicialmente como a reposición do muro afectado no PK1+040, a regularización previa da calzada actual con mestura bituminosa ou a corta de árbores de grande envergadura situados preto das vivendas nos primeiros 120 metros.

As obras contemplan a construción de beiravías de 0,5 metros en ambas marxes, así como unha senda peonil de 2 metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda da calzada e contribuirá a mellorar a seguridade dos peóns na zona.

A senda irá separada da estrada mediante unha marca viaria sonora e un marcado do paso de peóns que sirva de barreira visual para os condutores. Baixo esta proxéctase a colocación de novas canalizacións de iluminación pública pois será necesario, nalgúns casos, desprazar algunhas luminarias afectadas pola construción deste novo itinerario peonil.

Ampliación dunha ponte en Lousame

O pleno aprobou tamén o proxecto para rematar as obras de construción dunha nova ponte no punto quilométrico 1+800 da DP 4202, que mellorará a conexión entre Aldea Grande e O Couto (Lousame). O investimento ascende a 181.811,87 euros

Os traballos permitirán ampliar a plataforma da ponte sobre o rego Pesqueira de 5 a 12 metros e ofrecer un itinerario peonil seguro para os veciños.

As reducidas dimensións da ponte que atravesaba o rego Pesqueira obrigaban aos viandantes a circular polas beiravías sen pavimentar ou polo borde da calzada, o cal pon en risco a súa seguridade. Para remedialo, a nova ponte contará con beirarrúas de 2,25 metros de ancho en cada marxe, recubertas con baldosa hidráulica, permitindo así cruzar a pé con total seguridade.

Así mesmo, a nova plataforma permitirá a execución de dous carrís de 3,5 metros para a circulación de vehículos. As obras financiadas pola Deputación incluirán o acondicionamento da estrada DP 4202, para ampliar gradualmente o ancho da calzada ata alcanzar os 12 metros nas inmediacións da nova ponte.

A nova ponte será unha estrutura dun único vano, respectando a tipoloxía do viaduto actual. Os taboleiros estarán formados por dúas vigas en dobre T sobre as que se disporá unha lousa de formigón armado de 25 cm de espesor.

Así mesmo, formaranse cunetas para evitar a acumulación de auga nos laterais da calzada, e dotarase a ponte dunha sección hidráulica suficiente para facer fronte a grandes cantidades de auga

Por último, reforzarase a capa de firme tanto nas inmediacións coma na propia ponte, mediante un fresado de profundidade que permita a incorporación dunha capa de base e outra de rodaxe.

Debido a que xa se demoleu a anterior ponte, o tráfico está actualmente cortado nesta estrada. Mentres non sexa viable circular por este tramo da DP 4202, derivarase o tráfico polas pistas forestais existentes. O incremento da distancia que se ha percorrer é inferior aos dous quilómetros.

Páxinas suxeridas