Estás en:Novas

A Deputación adxudica por máis de 300.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria en Vixoi, no Concello de Bergondo

O proxecto permitirá construír unha senda peonil e ampliar o ancho da vía de 5 a 6,50 metros nunha zona que conta cun elevado tránsito ao ser ao acceso a Vixoi desde a N-VI

As obras incluirán tamén a construción dunha rede de saneamento para as vivendas da zona

A Deputación adxudica por máis de 300.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria en Vixoi, no Concello de Bergondo

A Deputación da Coruña ven de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria na DP 0801, de Cortiñán a Vixoi, no Concello de Bergondo. A actuación, que foi adxudicada por 319.543,76 euros e que está financiada conxuntamente pola Deputación e polo Concello, permitirá ampliar a vía, construír unha senda peonil e dotar as vivendas da zona de rede de saneamento.

Os traballos, que comezarán nas próximas datas, permitirán construír unha senda peonil e ampliar a plataforma dos primeiros 800 metros desta estrada provincial, dende a intersección coa N-VI á altura de Cortiñán até o punto quilométrico 0+790, en Vixoi, onde a estrada se cruza con outra de titularidade municipal.

O proxecto inclúe a ampliación da estrada actual, de 4,5 metros de ancho e sen beiravías, para obter unha nova plataforma de 6,5 metros que permita maior marxe para o cruce de vehículos e, ao mesmo tempo, construír unha senda de 2 metros de ancho que permita unha circulación segura dos peóns da zona.

Ao mesmo tempo que se executan as obras o Concello asumirá a construción dunha rede de saneamento e renovará as redes de abastecemento e iluminación pública que dan servizo ás vivendas desta zona.

Demandas dos veciños

No mes de marzo de 2019 o Concello de Bergondo abriu un proceso para coñecer as inquietudes particulares que tivesen os afectados pola obra. Durante o prazo recibíronse un total de 10 escritos, que na súa maioría trataban sobre cuestións relativas ás entradas das casas ou predios e tamén hai outras que se refiren á afección da senda nos límites dos seus terreos.

Os técnicos da Deputación estudaron estas propostas e, na fase de obras, levarán a cabo aquelas que se consideren viables e lóxicas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destaca que "a construción da senda é fundamental para o incremento da seguridade viaria, tanto para os propietarios das vivendas da zona como para todos os usuarios da vía".

O goberno local resalta que "esta é unha demanda histórica dos veciños e do Concello e xa non queda nada para que sexa unha realidade". Ademais, incide na importancia da obra que servirá para "a través de fondos municipais, dotar á zona de algo tan básico, necesario e demandado como o servizo de saneamento e tamén a mellora do abastecemento e da iluminación".

Páxinas suxeridas