Estás en:Novas

Muros, Carnota e Dumbría protagonistas da etapa de La Vuelta de mañá

A etapa contra-reloxo, de 33,7 quilómetros, partirá de Muros, atravesará Carnota e rematará cun espectacular ascenso ao Miradoiro do Ézaro

Muros, Carnota e Dumbría protagonistas da etapa de La Vuelta de mañá

As comarcas de Muros e da Costa da Morte volverán ser protagonistas dunha etapa de La Vuelta, coa colaboración da Deputación da Coruña.

Tras o descanso de hoxe na Coruña, a rolda española continuará mañá martes, 3 de novembro, coa única etapa contra-reloxo desta edición. Un itinerario de 33,7 quilómetros que parte desde Muros, percorre a costa e remata co ascenso ao Miradoiro do Monte Ézaro, en Dumbría, un dos finais máis duros e épicos da Vuelta, xa que conta con pendentes de ata o 30% e vistas espectaculares da única cascada de Europa que desemboca directamente ao mar.

Con saída no porto de Muros, a etapa discorrerá por Louro, San Francisco, Lariño, Carnota, O Viso, Caldebarcos, Panchés, Quilmas e O Pindo, onde comezará a suba á "parede" do Ézaro.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e os deputados José Manuel Pequeño e Xosé Luis Penas reuníronse hoxe co director xeral de Unipublic, Javier Guillén, organizador de la Vuelta, cuxos corredores gozan hoxe dunha xornada de descanso na Coruña.

Vive La Vuelta na casa

Debido á situación sanitaria ocasionada pola pandemia da Covid-19, tanto a organización de La Vuelta coma a Deputación da Coruña e os concellos polos que pasa solicitan á cidadanía que siga La Vuelta por TV a través de RTVE ou Teledeporte (en directo a partir das 13.40 horas).

Páxinas suxeridas