Estás en:Novas

Nove meses da Marea Atlántica na Deputación (III)

O resumo dos nove meses de actividade institucional continúa cunha descripción dos obxectivos do Grupo Provincial da Marea Atlántica de cara á transformación da institución provincial.

Nove meses da Marea Atlántica na Deputación (III)

Por unha Deputación distinta


As Deputacións pasan por ser institucións que a cidadanía percibe como afastadas, ben pola súa pouca capacidade normativa, ben por unha serie de vicios e prácticas que as converten en administracións opacas.

Na procura dunha maior transparencia, o Grupo Provincial de Marea Atlántica ten levado a cabo numerosas iniciativas de cara á transformación da estrutura e das formas da Deputación da Coruña.

Propuxemos desde o comezo a entrada da oposición en órganos colexiados como a Xunta de Goberno, da que estaba excluída, e seguirá estando excluida, por decisión do actual goberno provincial.

 

Cambios cara dentro e tamén cambios cara fora.

Presentamos mocións para achegar os Plenos da Deputación á cidadanía, algo que entendemos fundamental, e por iso propuxemos en diversas ocasións, e como primeira medida, que os Plenos fosen retransmitidos a través de internet, como ocorre con moitas outras institucións.

Pero o traballo deste grupo está centrado tamén na forma que a Deputación lle chega á xente, e por iso fixemos por impulsar un ambicioso clausulado social, de cara a que as contratacións da institución provincial se levasen a cabo coas maiores garantías posíbeis. Garantías medioambientais, sociais e laborais que foron aprobadas pola maioría do Pleno a instancias da Marea Atlántica.

Esiximos tamén maior transparencia nos procesos de contratación, propoñendo que a tramitación e adxudicación se realicen a ollos de todo o mundo.

Pola igualdade, cada paso conta.

Como non podía ser doutro xeito, tamén trasladadamos á Deputación a nosa loita pola igualdade efectiva, e xa desde o primeiro día, o grupo provincial da Marea denunciou que dos 31 escanos que conforman o pleno provincial apenas seis están ocupados por mulleres, menos do 20%. Trátase dun feito grave e que constitúe un sinal do pouco que as institucións teñen avanzado no camiño da igualdade de xénero.

Que os cargos da Deputación sexan nominais e a súa designación non estea complementada por unha norma que obrigue a equiparar o número de mulleres e homes nas listas non é xustificante de cifras tan sumamente desiguais.