Estás en:Novas

A Deputación licita por case 300.000 euros a construción dunha senda peonil na DP-1201 en Boqueixón

A actuación levarase a cabo en dous tramos da vía e permitirá construír unha senda de 1,8 metros de ancho, garantindo a coexistencia entre peóns e automóbiles.

A Deputación licita por case 300.000 euros a construción dunha senda peonil na DP-1201 en Boqueixón

A Deputación da Coruña saca a licitación por 291.198,29 euros a construción dunha senda peonil na DP-1201 de Rodiño a Codeso por Boqueixón, no Concello de Boqueixón.

A obra levarase a cabo en dous treitos da estrada, o primeiro desde o punto quilométrico 2+360 ao 2+720 e o segundo do 4+500 ao 5+200, e permitirá crear unha senda peonil de 1,8 metros de ancho na marxe esquerda da vía. Esta proxectarase mediante unha capa de 15 centímetros de formigón coloreado.

Con estas actuacións o ente provincial pretende mellorar a seguridade viaria desta estrada, garantindo a coexistencia entre peóns e automóbiles, mellorando deste xeito de forma importante as súas condicións e funcionalidade.

Conxuntamente coa construción da senda, executarase un bordo de formigón no seu exterior e reporanse as beirarrúas cunha capa de 10 centímetros de formigón coloreado das mesmas características da senda adxacente.

Ademais, a rede para a recollida de pluviais resolverase mediante un colector en PVC baixo a senda proxectada e arquetas con sumidoiro. A rede de servizos completarase mediante a canalización para a iluminación pública baixo a senda.

As obras teñen un prazo de execución de seis meses a partir do seu inicio.

Páxinas suxeridas