Estás en:Novas

As bandas Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf" de música

A final terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 28 de novembro

Os grupos elixidos son boa mostra da calidade e diversidade que poboa hoxe en día a música galega, desde electrónica ata música tradicional

As bandas Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf

O xurado do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña deliberou esta mañá e fixo público as cinco bandas finalistas: Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 28 de novembro e que se emitirá tamén a través de 'streaming'.

Formou parte do xurado como presidente Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais da xornalista e músico Xiana Arias Rego; a produtora Aitana Cuétara Yáñez; o músico Marcos Otero Payno; a xornalista Belén Regueira; e o músico Marcos Rodríguez Fontenla. Como secretaria actuou Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.

"O premio quere recoñecer a altísima calidade da música que se está a facer neste momento, a súa variedade e o seu nivel e servir tamén de plataforma para as bandas que están emerxendo no panorama musical galego. En tempos como os que vivimos, unha iniciativa como o Premio Narf é de especial relevancia para apoiar a creación e a cultura", sinala o deputado Xurxo Couto. 

O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, Su Garrido, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Eis un pequeno resumo de cada banda finalista:

CALDO son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, canda pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas. Neste proxecto apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo.

No seu 1º disco, formado por temas orixinais, Caldo emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo, para manter a esencia e a enerxía que desprenden nos seus concertos.

A UKESTRA DO MEDIO é un grupo de ukeleles que nace en Santiago de Compostela a finais de 2013 facendo versións de diferentes músicas com ukeleles, baixo e caixón: de clásicos do rock'n'roll, country, swing ou pop a músicas tradicionais galegas, tangos, bossanovas ou son jarocho mexicano. Em 2020 publican "Outras Lérias", o seu primeiro traballo longo, com composicións propias e algunhas versións.

CRNDS é compositor, produtor e fundador do selo independente Lindisfarne. Despois de publicar varias colaboracións con artistas como Cibrán Seixo ou Sandra Monfort a través desta plataforma, o produtor lanza "Inerte" (2020) a súa primeira referencia en solitario; un single gravado durante o confinamento a causa do COVID-19 en Compostela. Actualmente, o artista atópase en pleno proceso de gravación do seu primeiro álbum; un traballo onde crnds dialoga coa electrónica máis experimental e a música tradicional galega. O seu achegamento á música de raíz vai desde a descontextualización e incorporación da linguaxe rítmica ata o sampleo de material sonoro de arquivo.

KOROIEV nace en 2008 como proxecto de electrónica en solitario do ferrolán Roberto Casteleiro. A súa música foi derivando cara a banda sonora dun relato imaxinario aínda que sen abandonar o concepto de directo e de instrumentación de banda. Hai unha peculiar heteroxeneidade no estilo, de aí a etiqueta autoimposta de electrónica onírica. Koroiev sacou a finais do 2019, co selo Ferror Records, o disco "Valverde", que xoga a crear unha xeografía mítica do Máis Alá partindo das lendas atlánticas das cidades asolagadas.

MOMBOI parte da inquedanza e o gusto pola música de raíz latinoamericana.
Pero non só iso, a banda bebe do folk, do funk e mesmo da psicodelia, todo mesturado co seu propio estilo. As letras van dende o ancestral ao espiritual, pasando por suposto polo amor. Momboi crea un universo imaxinativo e suxestivo nas súas cancións, e camiñan coa vista no futuro, sen perder a súa orixe e os sons vintage do rock. En decembro de 2019 lanzan o EP "Ofrenda" e actualmente preparan a gravación do seu primeiro LP.

Páxinas suxeridas