Estás en:Novas

A ría de Muros e O Ézaro conquistan La Vuelta

Valentín González Formoso e José Manuel Pequeño entregaron o galardón ao gañador da etapa, Primoz Roglic.

La Vuelta séguese en 190 países a través da televisión, o que constitúe unha importante promoción da provincia da Coruña a nivel mundial

A ría de Muros e O Ézaro conquistan La Vuelta

Milleiros de persoas de 190 países en todo o mundo gozaron hoxe a través das súas televisións das fermosas estampas das comarcas de Muros e da Costa da Morte que deixou a décimo terceira etapa de La Vuelta.

A rolda española continuou hoxe, martes 3 de novembro, coa única etapa contra o reloxo desta edición. Un itinerario de 33,7 quilómetros que partiu desde Muros, percorreu a costa e rematou cun épico ascenso ao miradoiro do monte do Ézaro, en Dumbría, un dos finais máis duros da Vuelta, xa que conta con pendentes de ata o 30% e vistas espectaculares da única fervenza de Europa que desemboca directamente ao mar.

Con saída no porto de Muros, a etapa discorreu por Louro, San Francisco, Lariño, Carnota, O Viso, Caldebarcos, Panchés, Quilmas e O Pindo, onde comezou a suba á "parede" do Ézaro.

No podio instalado no alto do miradoiro, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Dumbría e deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, acompañados do ex ciclista Óscar Pereiro fixeron entrega do galardón ao gañador da etapa, o esloveno Primoz Roglic, que foi moi disputada e promete ser decisiva para a clasificación final.

Debido á situación epidemiolóxica que estamos a vivir, tanto por parte da organización como da Deputación invitouse á cidadanía, en xeral e aos afeccionados ao ciclismo, a que seguisen a proba desde as súas casas a través de RTVE ou Teledeporte.

González Formoso destacou "a importante promoción que supón para a provincia da Coruña o paso de La Vuelta xa que milleiros de telespectadores puideron admirar a paisaxe que ofrece a ría de Muros e a impoñente subida ao Ézaro". 

Páxinas suxeridas