Estás en:Novas

A Deputación da Coruña mantén a programación do Teatro Colón e ofrecerá os espectáculos por streaming

O musical "O Candil" abre unha tempada na que tamén se sentirán as propostas de "Fuliada na Vila", Emilio Rúa, Faia, Gaizca Project ou a final dos Premios Narf de grupos musicais

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, defende que é preciso "continuar coa actividade cultural dun sector que tamén precisa neste momento o compromiso das administracións"

A Deputación da Coruña mantén a programación do Teatro Colón e ofrecerá os espectáculos por streaming

A área de Cultura da Deputación da Coruña manterá a programación prevista no Teatro Colón da Coruña e ofrecerá os espectáculos a través de streaming para ampliar o público moi reducido polas limitacións imposta pola situación sanitaria. A música protagonizará o programa dos dous últimos meses do ano en que haberá estreas e propostas que van do jazz á tradicional pasando por rap, pop ou música de autor .

"Decidimos manter toda a programación prevista a pesar das moitas limitacións de aforo que se impuxeron e optamos por ampliar o público ofrecendo os espectáculos a través do streaming, de maneira que conseguimos así os dous obxectivos que neste momento require o sector, que se conserven as actuacións e que a xente poda acceder, dunha ou outra maneira, á cultura", sinalou o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

Desta maneira, todos os espectáculos ao vivo, desenvolveranse no escenario do Teatro Colón diante do público que permitan en cada momento os protocolos sanitarios -que neste momento reducen a 30 as persoas que poden asistir- e, ademais, poderase ver por streaming nunha retransmisión especial que achegará o programa da Deputación da Coruña a un maior público e, de maneira especial, ás persoas interesadas que non poden acceder ás entradas da programación.

A programación botará a andar o día 13 con "O Candil", o primeiro espectáculo profesional da Escola Galega de Teatro Musical baseado nas historias do cancioneiro galego ao que seguirá, o seguinte día "Fuliada na Vila", a proposta con arranxos de jazz da banda de once músicos dirixida por Richi Casás.

O xoves 12 proxectarase "De Carballo a Carvalho", de Arraianos producións, un documental que recrea a traxectoria da figura á que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas

A final do concurso Narf de grupos musicais da Deputación da Coruña terá lugar o 28 de novembro coa participación das bandas finalistas Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi. coa banda de rap Verto como convidada. A música con nome propio virá da man dalgúns dos principais nomes da música galega dos nosos tempos cos concertos de Faia -día 11 de decembro- Emilio Rúa -17 de decembro- e Ugia Pedreira o18 de decembro.

A programación pecharase cos cantos tradicionais de Galiza e Portugal no concerto, "De Natal aos Reis" con cancións das dúas beiras do MIño co galego Ariel NImas e os portugueses Catarina Moura e César Prata.

PROGRAMACIÓN

O Candil
13 de novembro | 20:00

A Escola Galega de Teatro Musical produce o seu primeiro traballo profesional, O Candil, un musical galego. Baseado nas historias do cancioneiro galego, este musical, que se acaba de estrear, pretende lembrar a figura da muller galega de principios do XIX. O Candil convídaos á gran festa clandestina do Pavillón Lino. Un espectáculo protagonizado por tres mulleres que buscan o propio ser, nun momento de confusión e cambio da mentalidade global. Estamos en 1919, A Coruña pasa a ser un dos núcleos políticos, artísticos e sociais que máis brillan. Sexan todos benvidos a esta comedia musical baseada nas historias do cancioneiro galego.

Fuliada na Vila
14 de novembro | 20:00

Banda de 11 músicos dirixidos por Richi Casás cun arranxos preciosistas de jazzband sobre as músicas galegas de tradición oral. O repertorio sobre o que bebe este proxecto parte de gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recolleu na casa de Rosa e Adolfina no ano 1980, punto de partida da aposta artística. Sobre esta herdanza, o saxofonista edifica unha novidosa proposta musical na que conflúen varias culturas: das pandeiretas ás orquestras; dos ritmos latinos ao jazz.

Fuliada na Vila, de Richi Casás, é o segundo traballo editado por aCentral Folque na colección ZECA. A través dun libro e un CD de nova creación, o autor propón unha viaxe aos mundos musicais e emocionais que conforman a súa traxectoria; unha reflexión sobre diversos temas, como a función social da música de raíz ou o papel que deben xogar os arquivos que a conservan; sobre os valores do mundo rural, que o autor peneira, igual que fai coas músicas, para ofrecer unha proposta de futuro.

De Carballo a Carvalho
Xoves, 12 de novembro | 20:00

Tras anos de reivindicacións desde diferentes ámbitos, Ricardo Carvalho Calero é o homenaxeado do Día das Letras Galegas de 2020, coincidindo cos 110 anos do seu nacemento e os 30 do seu falecemento. Un sorprendente percorrido biográfico pela vida e obra deste profesor, investigador, escritor e intelectual, no que usamos todas as posibilidades expresivas deste formato audiovisual com materiais como testemuños, entrevistas, conversas, lecturas e outras achegas artísticas, músicas e materiais de arquivo. Neste documental teñen unha importancia esencial os seus espazos vitais, a súa vida e obra, mais tamén as lecturas de fragmentos da obra de Ricardo Carvalho Calero, que tanto persoeiros coñecidos como alumnado dos centros educativos e persoas de diferentes idades, xéneros, orixes e perfís sociodemográficos van ler, divulgando a súa obra coa participación colaborativa neste audiovisual realizado por Aser Álvarez para a Associaçom Galega da Língua (AGAL) con fins pedagóxicos. Subvencionado pola Deputación de Coruña, conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo.

Premios 'Narf'
Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Mombo
Verto, banda convidada
28 de Novembro de 2020 | 18:30

Concerto final do Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais. As bandas finalistas que actuarán son Caldo, Ukestra do Medio, Crnds, Koroiev e Momboi. Verto, que está a protagonizar o novo fenómeno fan a través das redes sociais entre a mocidade galega con temas como "Oye Gayego" ou "Dálle" actuará como banda convidada. Trap e pop galego cun grupo composto por Alberto Mira "Berto" e Fernando Peleteiro "Fer" que en marzo deste mesmo ano lanzárono seu primeiro álbum "Puro Ocio".

Faia
11 de decembro de 2020 | 20

Un espectáculo íntimo, unha experiencia diferente na que deixarse levar pola verdade do canto. A voz e as percusións tradicionais de FAIA están acompañadas por Benxamín Otero no corno inglés e a caixa de música e por Hevi no son e na produción. Completa o espectáculo un tocadiscos no que xiran as gravacións orixinais das que FAIA aprendeu, sendo a interactuación cos arquivos, co noso patrimonio sonoro, coas nosas mulleres, unha parte importante e especial do concerto.

Emilio Rúa: Lendas no Camiño
17 de decembro de 2020 | 20:00

Emilio Rúa amosa dun xeito intimista con guitarra e piano parte das lendas que compilou durante 20 anos converténdoas en cancións e que se plasmarán nun disco no 2021. Como di o autor "profundizo nesta temática galega que é parte do noso Patrimonio Cultural Inmaterial, moi valioso, que resistiu o paso do tempo e se mantivo vivo grazas á xente que as transmitiu de boca en boca''. Ademais neste espectáculo estarán presentes outras cancións da súa autoría e dos seus discos, sempre imprescindibles nos directos.

Ugia Pedreira: A Pedreira
venres, 18 de decembro | 20:00

A Pedreira é a nova proposta escénica da artista Ugia Pedreira. É un espectáculo que acredita na música como unha arte escénica. Guitarra en mao pasa por múltiples mesturas sonoras, desde unha dama vintage do blues da galeguidade á cantautora de numen folk americano, ou latinoamericano, unha rapeira trad ou unha sofisticada pandereiteira galega con reminiscencias africanas.

A Pedreira é o proxecto en solitario de Ugia, desta vez para ela soa. Acompañada de guitarra, pandeireta e o seu corpo móbil incorpora, nalgúns momentos, ao músico bretón Pierre-Yves Rougier con quen comparte vida, visión e común pensar sobre o feito musical.

Do Natal aos Reis Cantos da Galiza e Portugal
23 de decembro de 2020 | 20:00

Do Natal aos Reis. Cantos da Galiza e Portugal é un concerto temático sobre a tradición musical da Galiza e de Portugal. Tres músicos a tocar cancións propias das dúas beiras do Miño que comparten a mesma tradición nas festas de Nadal. Cancións de Noiteboa ou de Consoada, de Natal, Manueles, de Ano Vello ou de Aninovo, de Reis ou Xaneiras... repertorio que popularmente se interpreta de casa en casa por un grupo de persoas que piden o aguinaldo. Mudanza de ciclo anual e solsticio de inverno, cantos ao Neno, aos Reis Magos e á Epifanía nun estilo moi particular e diferente doutros xéneros das nosas músicas populares. Son cancións que o pobo continuou a cantar!

O galego Ariel Ninas e os portugueses Catarina Moura e César Prata con diversos instrumentos (zanfona, guitarras, dulcimer, adufe, harmónica, percusións e fundamentalmente voz) cantan e tocan temas tradicionais do tempo de Natal da Galiza e de Portugal. Este proxecto foi gravado ao vivo pola RTP (Rádio Televisão Portuguesa) e emitido en todo Portugal a noite do 24 decembro de 2017. No Nadal de 2019, aCentral Folque edita o disco en formato CD, dispoñíbel en todas as plataformas dixitais. Gabinete de prensa Deputación da Coruña Gabinete de Comunicación da Deputación da Coruña – Avenida do Porto, nº 2.Tfno: 981 080 322 Correo electrónico: gabinete.prensa@dacoruna.gal

Páxinas suxeridas