Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste 47.469 euros nas obras de remodelación da praza rúa do Cantón de Laxe

Habilitarase unha zona peonil na fronte norte e unha zona de circulación rodada na sur, dotada de prazas de aparcamento

O Plan Único da Deputación inviste 47.469 euros nas obras de remodelación da praza rúa do Cantón de Laxe

A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único o proxecto de remodelación e pavimentado da praza rúa do Cantón, no Concello de Laxe. O ente provincial asume o 100% do orzamento da obra, que ascende a 47.469 euros.

O estado actual da praza require unha actuación a todos os niveis xa que, por unha banda, presenta deficiencias nos materiais debido ao paso do tempo e, pola outra, carece das suficientes prazas de aparcadoiro para facer fronte ás demandas dos residentes da zona e aos usuarios e usuarias do mercado municipal, situado neste espazo.

Esta demanda veciñal solucionarase coa execución deste proxecto, que consiste na remodelación da praza, proxectando unha zona peonil na fronte norte e unha zona de circulación rodada pola fronte sur, enlazando coa rúa Cantón e a rúa Vista Alegre. Ademais, tamén se habilitará unha franxa de aparcadoiros fronte ao mercado municipal, con prazas para discapacitados e vao laboral para os vehículos de abastecemento.

Na zona peonil o pavimento será de formigón impreso e instalaranse árbores, bancos e outro mobiliario urbano. Os novos pavimentos disporanse sobre os actuais, o que reduce o desnivel existente para acceder ao mercado municipal e aos edificios de vivendas, mellorando a accesibilidade.

O proxecto está actualmente en proceso de licitación por parte do Concello de Laxe e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 24 de novembro. O prazo de execución das obras é de 1 mes aproximadamente.

Páxinas suxeridas