Estás en:Novas

Negreira inviste 300.000 euros do Plan Único da Deputación na humanización da praza das Brañas

As obras, en fase de licitación, incluirán a construción dunha cuberta para o parque infantil, a instalación dunha fonte e a creación de amplas zonas verdes

A praza contará con magnolios, tuias e rododendros que suporán unha importante mellora estética da contorna

Negreira inviste 300.000 euros do Plan Único da Deputación na humanización da praza das Brañas

O Concello de Negreira inviste 303.194 euros do Plan Único (POS+2019) nun ambicioso proxecto de reurbanización e humanización da praza das Brañas. As obras están en fase de licitación ata o 23 de novembro.

As obras incluirán a construción dunha cuberta de chapa de aceiro para o parque infantil da praza, co obxectivo de protexer das inclemencias meteorolóxicas e da acción do sol aos nenos e nenas que xogan neste espazo.

Dentro das actuacións, tamén se proxecta o axardinamento da área de zonas verdes, coa finalidade de eliminar o terreo de grava existente e dotalo de especies vexetais urbanas coa plantación de árbores coma tileiros, tuias, rododendros e magnolios. Á súa vez, instalaranse tres pérgolas vexetais, céspede, unha fonte recuberta de pedra granítica e un sistema de rego automático.

Na área norte da praza, colocarase unha tirolina, con solo especial para amortecer caídas, e pintaranse xogos tradicionais no chan, coma o tres en raia ou a "raia". Nesta área tamén se plantarán árbores.

"As obras suporán unha importante mellora estética e unha aposta pola humanización da praza, que se sitúa na zona máis poboada de Negreira", afirmou o alcalde do municipio, Manuel Ángel Leis, que destacou que a cuberta do parque infantil, a creación de zonas verdes e a instalación de novo mobiliario urbano contribuirán a facer un entorno idóneo para o tempo de ocio para a veciñanza.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o Plan Único financia este ano 319 obras nos concellos da provincia "contribuíndo á creación de emprego e á reactivación económica da provincia". "Desde pequenas obras de mellora en núcleos rurais a grandes proxectos como a mellora da praza das Brañas, o Plan Único está axudando aos concellos a mellorar as infraestruturas e servizos dos concellos da provincia", afirmou.

Páxinas suxeridas