Estás en:Novas

A Deputación completa as expropiacións para a construción dunha rotonda no cruce da Chasqueira, en Iñás (Oleiros)

Cita os propietarios dos terreos afectados o día 27 de novembro na Casa Charry para o pago dos depósitos previos

As obras, cun investimento de 643.000 euros, eliminarán o punto negro de seguridade que supón o actual cruce das estradas DP 1707 e a AC-221 pola súa escasa visibilidade e elevado volume de tráfico

A Deputación completa as expropiacións para a construción dunha rotonda no cruce da Chasqueira, en Iñás (Oleiros)

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de pago dos depósitos previos correspondentes ás expropiacións dos terreos necesarios para acometer a construción dunha rotonda, que substituirá o perigoso cruce da Chasqueira (Iñás-Oleiros), onde se produce a intersección da estrada provincial DP 1707 Oleiros-Pravio e a vía e titularidade autonómica AC-211 San Pedro de Nós-Mabegondo, e que supón un punto negro de tráfico debido á escasa visibilidade desta e ao elevado volume de tráfico que rexistra, pois comunica Oleiros, Culleredo, Cambre e Abegondo.

A Deputación da Coruña destina 64.000 euros euros a estas expropiacións, que se suman ao orzamento 579.089 euros para a execución das obras, co que o investimento total acadará os 643.000 euros.

Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados o día 27 de novembro, a partir das 16.00 horas, na Casa Charry.

As obras consistirán na construción dunha rotonda que substituirá ao cruce actual e regulará con maior seguridade o tráfico nesta intersección, pola que circulan, segundo os datos do servizo de Vías e Obras da institución provincial, unha media de 3.381 vehículos ao día, dos que un 7% son vehículos pesados.

Os ramais sur e norte da rotonda desembocarán na DP 1707 e os do este e oeste na AC-211 da Xunta de Galicia, conectando as avenidas Salvador Allende e Espoz y Mina a localidade oleirense.

As obras suporán ademais unha lixeira mellora do trazado da DP 1707, que conta cunha pendente lonxitudinal elevada.

Ligazón ao BOP: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2020/11/09/2020_0000008168.html

Páxinas suxeridas