Estás en:Novas

A Deputación inicia unha colaboración con Turespaña para promocionar en Londres o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía

Os contactos iniciáronse onte na última xornada da World Travel Market Londres 2020.
O deputado Antonio Leira participou nesta reunión coa Oficina Española de Turismo (OET) de Londres

A Deputación inicia unha colaboración con Turespaña para promocionar en Londres o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía

A Deputación da Coruña iniciou unha colaboración con Turespaña para realizar unha serie de accións de promoción turística en Londres do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra – Muxía.

No encontro, que tivo lugar onte na última xornada da World Travel Market Londres 2020, participou o deputado provincial Antonio Leira, o xefe de relacións de viaxe de negocio da Oficina Española de Turismo (OET) de Turespaña en Londres, Agustín García; as técnicas de Turismo da Deputación da Coruña, Mayte Loureiro e Paula Cabado; e a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García.

Esta colaboración concretarase na futura realización de viaxes de familiarización con axencias de viaxe británicas na provincia. "O obxectivo é traer ás diferentes entidades coas que xa colabora a Deputación en Inglaterra (universidades, asociacións, xestoras de turismo...) para mostrarlles o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía", destacou Antonio Leira.

Ademais, tamén se acordou solicitar a Turismo de Galicia que inclúan estes dous itinerarios no Fam Trip que pretenden realizar no ano 2021 xunto coa OET de Londres e que nun primeiro momento estaba previsto que só se levase a cabo pola Costa da Morte.

WTM Londres 2020

A Deputación da Coruña participou na edición virtual da WTM Londres 2020. É a primeira vez desde 1980 que a Feira non se celebra de forma presencial. Nesta ocasión, ofreceuse un amplo programa de conferencias e encontros de negocios coa participación de profesionais de todo o mundo.

A WTM 2020 centrouse en axudar á recuperación e reconstrución da industria de viaxes, fortemente afectada polas consecuencias da pandemia e as restricións de movementos.

Desde o 9 ao 11 de novembro, a Deputación levou a cabo un total de 20 reunións con empresas, asociacións e institucións turísticas co obxectivo de dar a coñecer os recursos turísticos da provincia da Coruña.