Estás en:Novas

O presidente da Deputación reúnese co novo secretario xeral da UGT – A Coruña e Cee

González Formoso comprometeu a colaboración do ente provincial coa nova executiva nunha reunión mantida esta mañá na sede provincial co novo secretario xeral comarcal, Ángel Iglesias Fernández, e co saínte, José Carrillo.

O presidente da Deputación reúnese co novo secretario xeral da UGT – A Coruña e Cee

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ofreceu a colaboración do ente provincial á nova executiva da Unión Xeral de Traballadores (UGT) – A Coruña e Cee no seu novo ciclo nun contexto de crise económica e social.

Así o manifestou González Formoso nunha reunión celebrada esta mañá na sede provincial co novo secretario xeral da UGT – A Coruña e Cee, Ángel Iglesias Fernández, e co saínte, José Carrillo.

No encontro o presidente do ente provincial ofreceu a colaboración da institución ao novo secretario xeral comarcal "que ten un importante traballo por diante, e máis nun momento como o que estamos a vivir por mor da crise económica que xerou a pandemia da COVID-19", destacou González Formoso.

Así mesmo, tamén aproveitou a ocasión para agradecer o esforzo e compromiso do secretario xeral comarcal saínte, José Carrillo, que conta con "case tres décadas de compromiso á fronte dun sindicato tan importante para os traballadores e traballadoras da provincia", indicou. Carrillo é un dos persoeiros máis destacados do sindicalismo coruñés e encabezou desde o 1991 a UGT- A Coruña e Cee.