Estás en:Novas

A Deputación apoia a creación do GES de Noia, pero demanda á Xunta “maior coordinación para mellorar o sistema de emerxencias na provincia”

Os deputados Blas García e Sandra González visitaron onte a base de Protección Civil de Noia

Blas García pide á Xunta que "non caia na tentación de politizar as emerxencias" e que "cando se cando se tomen decisións para localizar os servizos se fundamenten en criterios técnicos e non en quen goberna en cada concello", pois Noia xa contaba cun Grumir que foi suprimido en 2013

A Deputación apoia a creación do GES de Noia, pero demanda á Xunta “maior coordinación para mellorar o sistema de emerxencias na provincia”

A Deputación da Coruña confirmou o seu apoio para a creación dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) en Noia, que permitirá mellorar a atención nos concellos de Noia, Lousame e Porto do Son, pero pide á Xunta "maior coordinación para mellorar o sistema de atención a emerxencias na provincia" e que a toma de decisións con respecto á situación das bases "se fundamente en criterios técnicos, non políticos".

Os deputados Blas García e Sandra González visitaron onte a base de Protección Civil de Noia onde; acompañados do alcalde do Concello, Santiago Freire, da concelleira Ana Isabel García e do xefe de Protección Civil da localidade, Eduardo Moledo; aproveitaron para coñecer as instalacións, os medios e a organización dos traballos que realizan, ademais de constatar algunha das necesidades do servizo.

Unha visita na que os representantes provinciais trasladaron o apoio da Deputación á proposta de creación do GES, pero demandaron á Xunta "unha maior coordinación para mellorar o sistema de atención a emerxencias da provincia, xa que hai cuestións de gran importancia que non se poden amañar con parches e que requiren ser desbloqueadas con urxencia coma o parque comarcal de bombeiros de Compostela ou a zona de sombra que aínda permanece na zona de Ortigueira".

Blas García afirmou que "a Xunta non debe caer na tentación de politizar as emerxencias" e lembrou que "a pasada semana celebramos unha xuntanza da Comisión dos GES, da que forman parte a Xunta de Galicia, Fegamp e as 4 Deputacións, e acordamos estudar a proposta de creación de novos GES, entre eles o de Noia, para tomar a decisión na próxima reunión", pero "a Xunta non agardou e anunciouno previamente".

"A responsabilidade que vén demostrando a Deputación no campo das Emerxencias, apostando para que o Consorcio de Bombeiros pasase a ser público e apoiando ás Agrupacións de Protección Civil, vamos a seguir manténdoa  tamén cos GES", destacou Sandra González.

Blas García considerou que "para o vindeiro convenio é necesario facer un estudo en profundidade das funcións e operatividade deste servizo supramunicipal" e lembrou que "sempre mantivemos un respecto e traballo institucional coa Xunta de Galicia neste campo, no que tamén cremos que é necesario dar novos pasos e a traballar na modificación na Lei de emerxencias de Galicia".

Por último, o deputado fixo unha petición para que "cando se tomen decisións para localizar os servizos de emerxencias se fundamenten unicamente en criterios técnicos e se separen de quen goberna en cada concello, xa que en Noia existía un Grumir (antigos GES) que foi suprimido no ano 2013 e, se aplicásemos este precepto, seguramente nunca se lle quitaría".