Estás en:Novas

A Deputación apoia a programación lírica de Amigos da Ópera da Coruña

Hoxe firmouse un convenio por valor de 67.500 euros para financiar as óperas, recitais, concertos, cursos ou actividades paralelas que desenvolve a asociación

A Deputación apoia a programación lírica de Amigos da Ópera da Coruña

A Deputación da Coruña apoia con 67.500 euros á asociación Amigos da Ópera para o financiamento da programación lírica da Coruña.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a presidenta de Amigos da Ópera, Natalia Lamas, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre ambas entidades, nun acto ao que tamén asistiu o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A Deputación apoia así a programación lírica con 67.500 euros, un 12,3% do orzamento total do ciclo, que ascende a máis de medio millón de euros e que inclúe concertos e recitais de grandes figuras como Mariella Devia, así como as óperas 'La verbena de la paloma', de Tomas Bretón, ou 'Vendado é amor, non é cego', de José de Nebra.

A Deputación destaca a longa tradición operística da cidade da Coruña cunha asociación como Amigos da Ópera que é decana entre as agrupacións españolas e lembra que durante o confinamento ofreceron de xeito gratuíto boa parte do seu catálogo de gravacións e tamén recitais e concertos a través da súa canle de Youtube.

A colaboración da Deputación permite tamén realizar ciclos para a promoción de novos talentos galegos da lírica, cursos de interpretación vocal ou actividades paralelas coma conferencias, exposicións e ciclos de cinema.