Estás en:Novas

A Deputación apoia a programación cultural e de divulgación do coñecemento científico da Universidade da Coruña

Hoxe firmouse un convenio por valor de 70.000 euros para financiar os obradoiros, exposicións, ciclos, festivais ou roteiros da institución académica

A Deputación apoia a programación cultural e de divulgación do coñecemento científico da Universidade da Coruña

A Deputación da Coruña apoia con 70.000 euros á Universidade da Coruña (UDC) para o financiamento da programación cultural e de divulgación do coñecemento científico durante o ano 2020.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre ambas entidades acompañados do deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A Deputación apoia así a programación cultural e de divulgación do coñecemento científico con 70.000 euros, un 80% do orzamento total que a UDC dispón para este fin, que ascende a 87.500 euros, e que incluíu ao longo do presente ano obradoiros, xornadas e exposicións divulgativas como a 'First Lego League 2020', o 'Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia', o programa de divulgación en liña, os 'Premios Isabel Zendal'. Este acordo de colaboración tamén serve para financiar outro tipo de actividades como obradoiros creativos, residencias artísticas, danza e teatro, o coro da UDC, roteiros, a Biblioteca Virtual Galega...

González Formoso destacou que "é importante apoiar as iniciativas culturais e innovadoras que se fan desde a comunidade universitaria e que, curso tras curso, están a ter unha moi boa acollida por parte de estudantado e do profesorado".

Pola súa banda, Abalde subliñou a importancia deste convenio que "vai permitir manter actividades culturais transversais para a toda a comunidade universitaria nuns tempos complicados, nos que a cultura se revelou fundamental".

A colaboración da Deputación permite tamén realizar ciclos de cinema, de música, exposicións, 'Charlas Mumes' ou o apoio á Sociedade Filarmónica Ferrolana para a promoción da cultura musical entre o alumnado da UDC do Campus de Ferrol.