Estás en:Novas

"Malas Linguas" da área de normalización lingüística da Deputación da Coruña pon o foco nas urxencias da normalización do galego

A terceira edición das xornadas contou coa participación máis de trinta especialistas e remata cun encontro con persoal técnico dos concellos

Un encontro con persoal técnico dos equipos de normalización lingüística dos concellos puxo fin este martes á terceira edición das xornadas "Malas Linguas", promovida pola Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña co obxectivo de renovar as ferramentas e promover o debate entre o persoal que se dedica á promoción do galego.

Co encontro co persoal técnico dos concellos arredor da planificación e eixes centrais da normalización lingüística puxo fin á terceira edición das xornadas "Malas linguas", dirixidas a renovar o debate e promover un impulso ás políticas públicas de normalización lingüística. "Para nós é fundamental activar a reflexión e o debate sobre a promoción do galego nun encontro que, como está a ser esta iniciativa que chega xa a súa terceira edición, supón non só a análise da situación actual por parte de especialistas senón a actualización de ferramentas e discursos, tan importante neste ámbito de traballo", sinalou a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño.

A coordinadora das xornadas, Andrea Rico, destacou a relevancia de continuar coas previsións e ter adaptado a convocatoria ás actuais condicións sanitarias, o que supuxo manter a participación dalgúns dos nomes máis destacados da investigación en sociolingüística e tamén de persoas que traballan neste ámbito cun encontro dixital que permitiu un debate vivo e aberto.

Na primeira das xornadas, titulada "Boas prácticas para as linguas minorizadas do Estado" a doutora en Sociolingüística, Paula Kasares, fixo fincapé na necesidade de actualizar a idea da transmisión familiar e vertical da lingua e entender a transmisión lingüística dun xeito máis complexo, en diversos espazos de socialización dinámicos.

Pola súa parte, Isaac Lourido, profesor e investigador na UDC compartiu a análise que ten desenvolvido canda o seu alumnado de avaliación do funcionamento dos Servizos de Normalización municipais e deu algunhas chaves para optimizar a eficacia destes: planificar con perspectiva a medio prazo, con autoavaliación dos procesos e para alén de accións ou actividades específicas, e transversalizar a intervención en espazos para alén do cultural, por exemplo.

O investigador Xian Naia, que obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña en 2019 na "Área de planificación sociolingüística", compartiu as súas análises sobre a idoneidade da práctica da regueifa como ferramenta que permite crear espazos -non apenas como actividade puntual- para manter e crear falantes novos.

"Revitalización lingüística en linguas ameazadas" foi o título da segunda xornada que contou coa intervención de Mónica Barrieras, doutora en Lingüística e membro do Grup d'Estudi de Llengües Amenaçades (GELA) quen puxo o foco na importancia das actitudes das persoas falantes así como no valor da diversidade lingüística. Posteriormente desenvolveu o seu relatorio Itziar Idiázabal, Catedrática de Filoloxía Vasca e doutora na área da Psicolingüística, que se centrou na importancia da inmersión lingüística no ámbito educativo, como fórmula para que o alumnado adquira as competencias precisas na lingua minorizada e desenvolver os beneficios do multilingüísimo.

A gravación do evento está dispoñíbel para consulta de forma permanente na conta de youtube da Deputación. Gabinete de prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas