Estás en:Novas

A área de Cultura da Deputación da Coruña analiza cos festivais o futuro do sector

O deputado, Xurxo Couto, reúnese coas entidades organizadoras dos principais eventos musicais e audiovisuais

A área de Cultura comprométese a manter o orzamento para apoiar o sector e contribuír a superar a crise

A área de Cultura da Deputación da Coruña analiza cos festivais o futuro do sector

O responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, reuniuse con representantes dos festivais culturais co fin de poñer en común a actual situación pola que atravesa o sector e as posibilidades de contribuír a superar a crise provocada pola pandemia. Na xuntanza, Xurxo Couto comprometeuse a manter os orzamentos e adaptar as distintas liñas de axudas a un obxectivo claro que é colaborar para que o sector e os eventos sobrevivan.

O 2021 preséntase como un ano incerto para a programación e produción cultural e, desde a área de Cultura da Deputación da Coruña, decidiron iniciar unha serie de contactos con representantes dos distintos ámbitos co fin de axustar e adaptar a súa política cultural para facela máis eficaz no apoio a un sector que está a atravesar un momento moi complexo.

Neste sentido, o deputado Xurxo Couto e distintos membros do seu equipo mantiveron esta mañá dúas xuntanza con representantes da coordinadora de festivais audiovisuais, Proxecta, e a Asociación de Festivais de Galicia co obxectivo de valorar o impacto da pandemia no sector, analizar a resolución das liñas de axuda da área e valorar as posíbeis modificacións de cara ao vindeiro ano, do que aínda non hai certeza sobre o desenvolvemento da pandemia e as súas consecuencias.

Desde a área de Cultura da Deputación trasladouse a necesidade de que desde as entidades que agrupan os festivais "se faga unha avaliación de cal foi a evolución do apoio aos festivais nos últimos cinco anos por parte da Xunta, a Deputación e os concellos, para poder entender onde hai que buscar a estabilidade orzamentaria das estruturas destes eventos", sinalou o deputado Xurxo Couto.

O deputado de Cultura indicou tamén que neste contexto "é vital para o sector da cultura que non se produza unha baixada orzamentaria que leve ao sector a unha crise similar á vivida a partir do 2009". Nese sentido, Xurxo Couto insistiu en que a Deputación da Coruña manterá os orzamentos destinados ao sector na liña dos últimos anos co obxectivo de contribuír a manter o emprego cultural.

Na xuntanza, os representantes da área de Cultura tamén convidaron a abrir unha reflexión coas entidades do sector sobre a sostibilidade dos eventos e as vías que se poden usar para combater a precariedade nun contexto coma este. 

Páxinas suxeridas