Estás en:Novas

A Deputación da Coruña dá luz verde ás obras que rematarán a avenida de San Campio, na Serra de Outes

Os traballos, que onte foron aprobados na Comisión de Vías e Obras, suporán un investimento de 420.000 euros

Incluirán a renovación das beirarrúas e da capa de rodadura da estrada DP 5604

A Deputación da Coruña dá luz verde ás obras que rematarán a avenida de San Campio, na Serra de Outes

A Deputación da Coruña investirá 420.008 euros para rematar as obras de humanización de avenida de San Campio, na Serra de Outes, que foron paralizadas en 2016 debido ao incumprimento do proxecto por parte do contratista.

Debido ao tempo transcorrido e ás melloras con respecto ao proxecto orixinal acordadas co Concello de Outes, foi necesario redactar un novo proxecto técnico, que vén de ser aprobado na Comisión de Vías e Obras celebrada onte e que será referendado definitivamente no pleno provincial do venres, 28 de novembro.

As obras contribuirán a mellorar a seguridade peonil na zona mediante a construción de beirarrúas e a dotación dunha nova capa de rodaxe no tramo da DP 5604 que discorre entre o inicio da estrada e o PQ 0+340.

O proxecto inclúe ademais a renovación dos servizos de saneamento e abastecemento de auga, recollida de pluviais, e canalización do alumeado, así como a reposición da sinalización horizontal e vertical. Estas novas redes de servizos situaranse baixo as beirarrúas no caso do saneamento, abastecemento e alumeado e baixo as zonas de aparcamento no caso da rede de pluviais.

O pavimento das beirarrúas estará formado por lousa hidraúlica sobre base de formigón e lastro artificial. En canto ao pavimento da estrada executarase con mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor, previo fresado e reparación do firme nas zonas onde se atope máis deteriorado.

Páxinas suxeridas