Estás en:Novas

A deputada de Igualdade, María Muíño, visita Ferrol para avaliar as melloras da casa de acollida

Reuniuse coa concelleira de Igualdade, Cristina Prados, e anunciou que a Deputación manterá a cantidade do convenio que se triplicou neste orzamento

A deputada de Igualdade, María Muíño, visita Ferrol para avaliar as melloras da casa de acollida

A deputada de Igualdade, María Muíño visitou o concello de Ferrol para reunirse coa concelleira, Cristina Prados coa que avaliou as melloras no convenio de financiamento da casa de acollida e outras accións encamiñadas á loita contra a violencia machista. Nunha xuntanza que se desenvolveu na Casa da Muller de Ferrol, a deputada de Igualdade, María Muíño, reuniuse coa concelleira Cristina Prados co fin de avaliar as melloras da casa de acollida despois do importante incremento experimentado no último convenio.

A Deputación da Coruña destinou no pasado exercicio un total de 100.891 euros á casa de acollida de Ferrol que experimentou un incremento de case 70.000, triplicando os 32.569 € dos exercicios anteriores. A deputada de Igualdade, María Muíño anunciou que esta cantidade se manterá tamén no ano 2021 como se recolle no proxecto de orzamentos que será aprobado no vindeiro pleno.

"A maior dotación da casa de acollida responde a que desde a Deputación da Coruña consideramos de especial relevancia na nosa acción política a dotación de recursos de calidade que contribúan a axudar ás vítimas de violencia machista nas situacións extremas que padecen e que se sintan arroupadas nos momentos máis críticos", explicou María Muíño.

O incremento ten a ver coas necesidades de aumento do persoal técnico deste recurso que está a contribuír a que as mulleres e as súas fillas e fillos que fan uso del poidan ter os mellores servizos para a transición a unha vida nova.

Na xuntanza estudáronse tamén posíbeis vías de colaboración para promover programas de conciliación que, tanto María Muíño como Cristina Prado, valoraron como necesarios para conseguir a igualdade das mulleres en todos os ámbitos, de maneira especial, no laboral.

84 concellos e 45 entidades "De Fronte"

A deputada María Muíño puxo tamén en común coa concelleira Cristina Prado a avaliación da primeira fase da campaña "De fronte" contra a violencia machista que a Deputación da Coruña puxo en marcha para conmemorar o 25N á que se adheriu o Concello de Ferrol. "Estamos especialmente satisfeitas desta campaña á que xa se sumaron 84 concellos e 45 entidades, o que demostra o interese e a crecente conciencia para parar o machismo", destacou María Muíño. Ao respecto, Deputación e Concello acordaron seguir colaborando en campañas conxuntas e máis amplas en vindeiras datas que permitan contribuír a unha maior sensibilización e visibilización da violencia contra as mulleres, de camiño á súa eliminación.

Páxinas suxeridas