Estás en:Novas

A Deputación dá luz verde á segunda fase das obras de ampliación da estrada Negreira-Pontenafonso

Cun orzamento de 1,4 millóns de euros, supón un dos maiores investimentos programados na rede provincial de estradas para ampliar ata os 7 metros o tramo da vía que vai ata a ponte Barbazán

Destinaranse tamén 239.000 euros para mellorar a seguridade peonil entre os núcleos de Chorén e A Cruz, en Santiso

A comisión de Vías e Obras aprobou ambos proxectos, que serán refrendados no pleno de novembro

A Deputación dá luz verde á segunda fase das obras de ampliación da estrada Negreira-Pontenafonso

A Deputación da Coruña investirá 1.440.826,74 euros na ampliación e mellora dun segundo tramo da estrada provincial DP-5602 Negreira-Pontenafonso.

As obras, que veñen de ser aprobadas na comisión de Vías e Obras celebrada onte e serán referendadas definitivamente polo pleno provincial o venres, 28 de novembro, contan cun orzamento de 1.266.128,78 euros, ao que hai que sumar os 174.697,96 euros das expropiacións necesarias para levar a cabo os traballos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que se trata dun dos investimentos máis importantes programados este ano pola área de Vías de Obras da institución provincial, co que cumpre o compromiso do Goberno provincial de dar continuidade ao ensanche e mellora do trazado realizado no seu día nos primeiros seis quilómetros da estrada e que supuxeron unha notable mellora da seguridade.

Nesta segunda fase, as obras contemplan a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando a vía dunha calzada de 7 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.

Mellora da seguridade peonil na DP 7901 en Santiso

A Comisión de Vías e Obras aprobou tamén un investimento de 239.216,66 euros para as obras de mellora da seguridade da DP 7901 en Santiso.

As obras executaranse no tramo que discorre desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 1+600, entre os núcleos de Chorén e A Cruz, onde hai varias casas illadas e a presenza de contedores de lixo reduce a visibilidade dos condutores e provoca que os peóns teñan que invadir a calzada para salvar o obstáculo.

Para evitalo, executarase unha senda transitable de formigón cun ancho que oscilará entre 1 e 1,5 metros e habilitarase unha superficie para os contedores de lixo empregando o mesmo pavimento da senda e aproveitando o espazo existente entre esta e o peche dunha parcela.

As obras contemplan a reposición da traída de auga e canalización soterrado do alumeado público. Non afectarán o cruceiro existente na zona, xa que se desenvolverán na marxe oposta da calzada.

Páxinas suxeridas