Estás en:Novas

O orzamento “máis social” da Deputación da Coruña alcanza os 184,5 millóns de euros

"É o orzamento máis social e a maior aposta pola creación de emprego da historia desta institución", afirma Valentín González Formoso

O investimento social increméntase nun 137 %

Os distintos programas e plans provinciais impulsarán a creación de 3.500 empregos directos en 2021, segundo os cálculos do Goberno provincial

O Plan Único sobe un 37% ata os 64,6 millóns de euros e inclúe 14 millóns para apoiar os concellos no financiamento dos gastos sociais extraordinarios derivados da pandemia

O investimento en Emprego increméntase un 76 % e supera os 16 millóns de euros

O orzamento “máis social” da Deputación da Coruña alcanza os 184,5 millóns de euros

O Goberno da Deputación da Coruña presentou hoxe os Orzamentos 2021, que ascenden a 184.500.000 euros (un 0,26% máis que no presente exercicio), e que serán "os máis sociais da historia da institución", segundo afirmou o presidente provincial, que destacou como principal obxectivo apuntalar "a reactivación social e económica na provincia" tras a Covid-19.

As contas de 2021 foron presentadas esta mañá en rolda de prensa na sede da Deputación polo presidente, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira.

"Estamos diante do orzamento máis social e da maior aposta pola creación de emprego da historia desta institución", afirmou Valentín González Formoso, que detallou que o investimento na área social incrementarase o vindeiro ano máis dun 137%, pasando de 11,8 a 27,4 millóns de euros, e que os diferentes programas e plans provinciais "impulsarán a creación de 3.500 empregos directos" na provincia da Coruña.

Entre as principais novidades da área social, Formoso anunciou que o Plan Único contará en 2021 cunha achega extraordinaria de 14 millóns de euros destinada en exclusiva a fins sociais "como o financiamento dos servizos de axuda a dependentes e emerxencia social dos concellos", e que o seu goberno volverá a incrementar un 15% a consignación do Plan de Servizos Sociais Comunitarios, que pasa de 7 a 8,1 millóns de consignación orzamentaria, o que lles permitirá aos concellos contratar a preto de 300 profesionais da área social e do servizo de asistencia no fogar en 2021.

En materia de Emprego, o presidente destacou que o PEL incrementa os seus fondos nun 76%, pasando de 9,1 a 16 millóns de euros e incorpora novos programas como o PEL-Cidades (3 millóns de euros) para apoiar os plans de reactivación post covid da Coruña, Santiago e Ferrol.

Tamén se incrementa o orzamento do Plan Único (POS+), o principal programa de investimentos da Deputación, que pasa de 47,2 a 64,6 millóns de euros (+36,8%), o que contribuirá a reactivar a provincia mellorando as infraestruturas e servizos públicos dos concellos coruñeses, explicou González Formoso, que detallou que outros sectores prexudicados pola pandemia como Cultura, o Deporte e o Medio tamén aumentan as súas partidas no orzamento provincial. "Todo isto nun exercicio de responsabilidade orzamentaria, pois seguimos con débeda cero e mantendo entre os 10 e 11 días o pago aos nosos provedores", afirmou.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou o compromiso cuns concellos que, a partir do vindeiro venres 27, van coñecer a transferencia que recibirán da Deputación da Coruña e que, sen excepción, será maior que a do exercicio anterior. "Vailles permitir planificar e dar prioridade ao modelo de gobernanza que terán que aplicar nun ano tan especial, o que non acontece con ningún outro orzamento de ningunha administración pública, nin a Xunta nin o Estado", sinalou Xosé Regueira na súa intervención.

120 millóns de transferencia inmediata aos concellos

Neste sentido, apuntou que ao sumar os dous expedientes de modificación e crédito, dun orzamento de 184 millóns de euros, un total de 120 van ser de transferencia inmediata aos concellos, "unha aposta moi forte que responde á situación que vivimos cuns concellos que están a padecer a crise provocada pola pandemia", sinalou. Ao respecto, destacou tamén o incremento de 23 millóns do Plan Único que contribuirá a que a totalidade de concellos da provincia vexan o seu orzamento incrementado con respecto ao pasado ano, con máis recursos para facer fronte a unha situación excepcional.

Con respecto ás contas da Deputación, o vicepresidente destacou a aposta polo "financiamento local, cun incremento das partidas de servizos sociais e igualdade e tamén co coidado das persoas como son a cultura e o deporte e tamén no ámbito do turismo, que medra case o catorce por cento para contribuír a paliar a crise que está a sufrir o sector".

Pola súa banda, o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, destacou tamén que se trata dun "orzamento social" que trata de dar resposta "a un momento coma o que estamos" e incidiu en aspectos coma o mantemento da "débeda cero" ou non subir os impostos.

Páxinas suxeridas