Estás en:Novas

O mexicano José Adair García Sánchez gaña o XV Premio Internacional "Jesús Núñez" da Deputación da Coruña

Á convocatoria concorreron 80 obras dun total de 15 países

O xurado concedeu dous accésits a Maja Dokudowicz e Jesús Mateos Brea

O mexicano José Adair García Sánchez gaña o XV Premio Internacional

O mexicano José Adaír García Sánchez coa súa obra "19.040671,98.198711" é o gañador do XV Premio Internacional "Jesús Núñez" de arte gráfica convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.

Un xurado composto por especialistas de arte como Doroteo Arnáiz, David Barro, Silvia García, Pedro Galilea e Ana Seoane e presidido polo responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, coa xefa de Servizo de Acción Cultural, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz como secretaria escolleu a obra do mexicano José Adaír García entre as oitenta obras presentadas que procedían de quince países distintos.

Da obra de Adaír García Sánchez, elaborada coa técnica de augaforte, titulada "19.040671,98.198711", foi escollida polo xurado pola ·"súa capacidade para a creación de micro narrativas gráficas, traballando con documentos onde a memoria e a lembranza relaciónanse a través de linguaxes plásticas nunha sorte de arquivo visual".

"Cun uso dun proceso de impresión tradicional, como a augaforte, o gravado convértese nunha extensión dos procesos de arquivo e a imaxe resólvese nun xeito de palimpsesto visual que inclúe desde comprobantes diarios, fotografías de arquivo, ou a dixitalización de mapas, documentos e fotografías antigas para a posterior manipulación da imaxe nun mapa gráfico de excelentes calidades pictóricas". sinala o xurado no ditame que argumenta a concesión do premio polo que o artista gañador recibirá un total de 6.500 euros .

O xurado decidiu conceder tamén dous accésits a Maja Dokudowicz, pola súa obra "Infinite Fragments (VIII) e a Jesús Mateos Brea, por "Geochelone radiata", que se beneficiarán dunha Bolsa de Formación nun Curso do Máster sobre obra gráfica que organiza a Fundación CIEC.

Páxinas suxeridas