Estás en:Novas

O pleno da Deputacion dará luz verde este venres á segunda fase das obras de ampliación da estrada Ares-Chanteiro

Suporán un investimento de 726.000 euros para ampliar a plataforma ata os 7 metros de ancho e construír sendas que garantan a seguridade dos peóns

O pleno da Deputacion dará luz verde este venres á segunda fase das obras de ampliación da estrada Ares-Chanteiro

Foto (ARQUIVO) Reunión cos veciños de Chanteiro en 2019

A Deputación da Coruña investirá máis de 726.000 euros na segunda fase das obras de ampliación e mellora da seguridade viaria da estrada DP 0402 Ares-Chanteiro.

As obras, que veñen de ser aprobadas na comisión de Vías e Obras, serán referendadas definitivamente polo pleno provincial deste venres, 27 de novembro, contan cun orzamento de 678.951,33 euros aos que hai que sumar os 47.102,30 das expropiacións xa efectuadas para poder levar a cabo os traballos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a aprobación definitiva do proxecto en pleno é o último paso antes da licitación, cumprindo así o compromiso do Goberno provincial de dar continuidade ás obras xa realizadas nos primeiros 3,6 quilómetros da vía.

O alcalde de Ares, Julio Iglesias agradeceu o compromiso do goberno provincial de González Formoso para sacar adiante este proxecto, "unha reivindicación histórica dos veciños de Chanteiro e do Concello de Ares", completando as melloras de seguridade a longo de toda a estrada.

Plataforma de sete metros e sendas peonís

Nesta segunda fase, ampliarase o tramo que vai do PK 3+700 ao 4+700, que aínda conta cunha plataforma de só cinco metros de ancho, o que dificulta a circulación, especialmente cando se cruzan dous vehículos de gran tamaño. Ademais carece de zona habilitada para a circulación de peóns.

Para solucionar estes problemas, as obras permitirán ampliar a vía ata os 7 metros de ancho, con sobreanchos nas zonas de gran curvatura para facilitar o xiro dos coches. Ademais incluiranse beiravías e sendas peonís en ambas marxes dende o pk 3+700 até o 4+450 e só pola marxe dereita nos últimos 300 metros deste tramo da estrada.

Os traballos suporán a continuación das obras da primeira fase, coa mesma tipoloxía de sección e os mesmos materiais, completando e uniformando unha actuación integral de ampliación e mellora na vía.

Páxinas suxeridas