Estás en:Novas

Os presidentes das deputacións da Coruña e Lugo supervisan as obras de mellora da estrada Momán - As Pontes

González Formoso e Tomé Roca visitaron as obras no tramo lucense da estrada LU-P-2204, que conecta coa coruñesa DP 7001

A Deputación da Coruña xa rematou as obras de mellora do seu tramo desta estrada, que vertebra as comunicacións entre as dúas provincias

Os presidentes das deputacións da Coruña e Lugo supervisan as obras de mellora da estrada Momán - As Pontes

Os presidentes das deputacións da Coruña e Lugo, Valentín González Formoso e José Tomé Roca, supervisaron as obras de mellora que a institución lucense está acometendo na estrada LU-P-2204, que conecta Momán (Xermade) co municipio coruñés das Pontes e que serve como vía principal de conexión entre ambas as dúas provincias.

A Deputación da Coruña xa completou as obras de mellora do tramo da estrada provincial DP-7001, que vai desde As Pontes ata o límite da provincia de Lugo, mentres que a Deputación lucense ten xa moi avanzados os traballos desta terceira fase de mellora da vía, que prevé rematar en decembro e que se desenvolve entre os puntos quilométricos 4 e 7 dunha vía que conta cun total de 9,8 quilómetros na provincia veciña.

O presidente lucense trasladoulle ao seu homólogo coruñés que a Deputación de Lugo xa ten en fase de licitación a cuarta fase de mellora da estrada, que chegará ata o punto quilométrico 8, co que só restaría pouco máis dun quilómetro para o seu acondicionamento integral.

González Formoso e Tomé Roca coincidiron en destacar a importancia desta estrada, que vertebra as comunicacións entre as dúas provincias.

Páxinas suxeridas