Estás en:Novas

A Deputación da Coruña recupera a figura de Álvaro Cebreiro no centenario da súa primeira exposición

Coa publicación da investigación de Xesús Torres Regueiro destácase a dimensión dun artista "brillante e vangardista"

A Deputación da Coruña recupera a figura de Álvaro Cebreiro no centenario da súa primeira exposición

"Álvaro Cebreiro. Caricatura, humorismo, ilustración", é o título do libro de Xesús Torres Regueiro que a Deputación da Coruña publica cando se cumpren cen anos da súa primeira exposición, promovida polas Irmandades da Fala. Ademais do autor, o deputado de Cultura, Xurxo Couto e o cuñado do artista, Alfonso Posse, participaron na presentación da obra na Biblioteca provincial, a poucos metros do espazo no que se desenvolveu a primeira exposición do artista, no outono de hai cen anos.

En 1920, cando apenas tiña dezasete anos, Álvaro Cebreiro abriu a súa primeira exposición na rúa Rego de Auga, na sede das Irmandades da Fala da que se fixo membro ese mesmo ano. Cen anos despois, a poucos metros dese mesmo espazo, na Biblioteca provincial, a Deputación da Coruña organizou a presentación do libro "Álvaro Cebreiro. Caricatura, humorismo, ilustración" do investigador Xesús Torres Regueira, unha obra que, en palabras do autor, "quere relanzar a figura e a traxectoria creativa dun personaxe e un artista singular".

Definiu o artista como un "personaxe xenuinamente coruñés" e "un dos mellores caricaturistas galegos, senón o mellor, que se dedicou tamén á viñeta humorística, ás estampas paisaxísticas a guache ou témpera, á ilustración de libros e ao cartelismo, sen esquecer o papel de axitador cultural asinando o manifesto Máis Alá con Manuel Antonio ou nas revistas Alfar ou Ronsel". 

Pola súa parte, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, agradeceu a oportunidade de conmemorar os inicios artísticos de Cebreiro, unha figura brillante e atractiva "esencial para mostrar a Galiza máis moderna, a máis avanzada e vangardista, unha Galiza que foi decapitada pola represión despois de 1936 que mudou esa modernidade e acalou aos seus protagonistas, como ao propio Cebreiro que padeceu o silencio durante moito tempo", dixo, lembrando a inauguración na sede das Irmandades cunha imaxe recollida no libro en que aparecen figuras como Vítor Casas, Antón Vilar Ponte ou Bernardino Varela.

"Quero agradecer a Torres Regueiro o seu esforzo por descubrirnos a grandeza de Cebreiro e situalo nesa intelectualidade e ese mundo artístico do que nos queda aínda tanto que aprender e que nos enorgullece como país e como cultura, dese tempo en que aquí, na Coruña creaban outros artistas como Huici ou Francisco Miguel que foron brutalmente asasinados", afirmou Xurxo Couto na súa intervención.

Pechou o acto o cuñado de Cebreiro, Alfonso Posse, que agradeceu o traballo desenvolvido e moi especialmente a investigación de Xesús Torres Regueiro para recuperar a figura do artista. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas