A Deputación financia a través do Plan Único un proxecto para mellorar a rede de saneamento en Valdexería, en Muros
A actuación, que sae a licitación cun orzamento de 176.959,14 euros, inclúe a realización dunha rede de augas residuais e a mellora da saída das pluviais
O Plan Único financia este ano 65 obras de construción de redes de abastecemento e saneamento de auga nos municipios da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único un proxecto para mellora a rede de saneamento en Valdexería, na parroquia de Serres do Concello de Muros.
A actuación ven de saír a licitación no perfil de contratante do Concello e conta cun orzamento de 176.959,14 euros, dos que 175.378,12 euros son financiados a través do Plan único de concellos da Deputación da Coruña.
Na actualidade a rede de saneamento que dá servizo ao lugar de Valdexería, na parroquia de Serres, é unitaria. O obxectivo deste proxecto é realizar unha rede de augas residuais e mellorar a saída das pluviais cunha arqueta desareadora desengraxadora. Para iso, instalaranse as tubaxes de saneamento, os pozos de rexistro e realizarase un colector. Ao remate da obra, está prevista a reposición de todo o pavimento afectado.
Das 319 obras que este ano financia o Plan Único da Deputación nos concellos da provincia, un total de 65 son para proxectos de construción de redes de abastecemento e saneamento de auga nos municipios da provincia da Coruña.
Estas obras relacionadas co ciclo da auga supoñen un investimento de algo máis de 7 millóns de euros.
O prazo para a execución dos traballos é de 6 meses e o último día para que as empresas presenten as súas ofertas ao proceso de licitación é o 9 de decembro.