Estás en:Novas

A Deputación financiará a renovación da rede principal de abastecemento ao núcleo de Camariñas

No pleno deste venres aprobarase o convenio polo que a institución provincial achegará 80.000 euros

O proxecto servirá para substituír a actual tubaxe de fibrocemento por unha nova de polietileno, solucionando os problemas de mantemento que está a ter a rede

Esta infraestrutura abastece a 2.500 persoas, aumentando esta cifra no verán, e tamén á industria conserveira

A Deputación financiará a renovación da rede principal de abastecemento ao núcleo de Camariñas

A Deputación da Coruña apoiará con 80.000 euros ao Concello de Camariñas para o financiamento do proxecto de renovación da rede principal de abastecemento ao núcleo de Camariñas.

O convenio, que se aprobará no pleno deste venres, permitirá sufragar o 78,2% da obra, que conta cun orzamento de 102.266,95 euros, e o restante será asumido polas arcas municipais.

Os traballos que se levarán a cabo implican a substitución da actual tubaxe de fibrocemento de 200 mm. que une o depósito de abastecemento de Camariñas co núcleo de Outeiro, onde se realizará a conexión coa tubaxe existente, por unha nova de polietileno. Posteriormente, procederase á limpeza de cunetas e á pavimentación da zona afectada.

Esta renovación permitirá solucionar os problemas de mantemento que está a ter a día de hoxe unha rede que xa é moi antiga e que sofre periodicamente fallos na subministración, avarías... Ademais de constituír unha mellora da instalación, é unha necesidade imperiosa para os veciños e veciñas da zona, xa que dá servizo diario a 2.500 habitantes, aumentando esta cifra no verán, e tamén abastece a unha das principais industrias conserveiras.

Páxinas suxeridas