Estás en:Novas

Cultura da Deputación da Coruña presenta os seus premios literarios na Culturgal

Os gañadores dos Torrente Ballester, Castelao e Raíña Lupa falarán o domingo en Pontevedra das súas obras

Cultura da Deputación da Coruña presenta os seus premios literarios na Culturgal

A área de Cultura da Deputación da Coruña volve á Culturgal para presentar, nesta edición especial, os seus premios literarios. O domingo 29 de novembro, desde o Teatro Principal de Pontevedra, emitiranse pola rede as presentacións das obras gañadoras do Castelao de Banda Deseñada, Torrente Ballester de narrativa e Raiña Lupa de literatura infantil.

"Culturgal é, para nós, un verdadeiro escaparate para a cultura galega e nesta edición tan especial queriamos estar presentes coa presentación dos nosos premios literarios en actos que se ben poderán ser seguidos ao vivo por poucas persoas a causa da pandemia, terán posibilidade de chegar a un público máis amplo a través da rede", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Será o domingo 29 de novembro cando se desenvolvan, no Teatro Principal de Pontevedra, espazo habilitado para o ámbito do libro, as tres presentación que teñen como protagonistas as obras e os autores gañadores de tres premios culturais da Deputación da Coruña. Pola mañá, ás 11:00 horas, no tempo do programa reservado para a banda deseñada, terá lugar a presentación dos dous gañadores dos Premio Castelao. Alberte Vázquez con "A Caza" e Martín Romero, primeiro gañador do premio na modalidade de infantil, con "Uxío" serán protagonistas dun acto en que tamén participarán o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o debuxante Kiko da Silva, membro do xurado e autor de BD, editor e director da Escola de Banda Deseñada e ilustración "O Garaxe Hermético".

Pola tarde, á partir das 16:00 horas, haberá oportunidade para achegarse ás novelas gañadoras dos premios de narrativa da Deputación da Coruña da man dos seus propios autores. Os escritores Alex Alonso, autor de "Granito" e Antón Riveiro Coello, creador de "O paraíso dos inocentes" son os gañadores do XXXI Premio Torrente Ballester que conversarán na Culturgal cos seus editores Fran Alonso (Xerais) e Francisco Castro (Galaxia) e o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Para rematar a sesión, presentarase "Antía e Daren" de Valentín Alvite, libro gañador do Premio Raíña Lupa de Narrativa Infantil e Xuvenil, coa participación de Xurxo Couto e o editor Fran Alonso. "Son cinco grandísimas obras ás que paga a pena achegarse", sinala o deputado Xurxo Couto que desexa unha "moi boa acollida a esta Culturgal que se desenvolverá maiormente a través da rede mais que, non temos dúbida, será multitudinaria coma sempre foi, converténdose en referencia para a promoción da nosa cultura, desta volta, buscando novos públicos con retransmisións online".

Podes seguilo en liña  en cultur.gal Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas