Estás en:Novas

A Deputación e o IMCE continúan coa xestión conxunta do Teatro Colón

O ente provincial dirixe un total de 500.000 euros para a programación e o mantemento das instalacións.

O convenio, que ampliará a colaboración de ambos entes ata decembro de 2021, foi asinado esta mañá na sede provincial polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da Coruña e presidenta do IMCE, Inés Rey García.

A Deputación e o IMCE continúan coa xestión conxunta do Teatro Colón

A Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), organismo pertencente ao Concello da Coruña, dan continuidade á xestión conxunta do Teatro Colón.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da Coruña e presidenta do IMCE, Inés Rey García, asinaron esta mañá na sede provincial o convenio polo que ambas institucións amplían a cooperación actual ata o 31 de decembro de 2021. Ambos entes colaboran desde o 2018 na xestión do teatro, ano no que se asinou o acordo que permitiu integralo na rede pública de espazos culturais municipais.

Na sinatura de hoxe, González Formoso destacou a boa sintonía entre ambas institucións ao longo destes anos que deixan "un balance positivo cunha axenda cultural de calidade na que participou un amplo público", indicou. Ante a situación xerada pola COVID-19, a Deputación e o Concello volven unir forzas para apoiar a cultura e aos seus axentes en todas as súas manifestacións, para as que o Teatro Colón é un referente a nivel galego.

A través do convenio a Deputación destina 500.000 euros, dos que 350.000 euros se dirixen á programación cultural e 150.000 € ao mantemento das instalacións. Así pois, o acordo sinala que se compartirá a programación das actividades que se desenvolvan no espazo, podendo o ente provincial empregalo para actos ou para a cesión a concellos da provincia ou entidades sen ánimo de lucro para a realización de espectáculos ou actividades de carácter cultural ou social.

Deste xeito, a Deputación comprométese a facerse cargo dos servizos de mantemento das instalacións e do seu equipamento. Tamén investirá na transformación das bombillas a LED no patio de butacas e outras plantas, na reparación do aire acondicionado e na mesa de luces e monitores, así como na caixa negra. Tamén se encargará do pago de impostos e do seguro do inmoble, que adquiriu no ano 1997.

Pola súa banda o IMCE comprométese a contratar e aboar os gastos de persoal de xerencia do teatro, espectáculos e actividades, persoal de asistencia técnica, xerencia e venda de entradas e persoal de sala, entre outros.

Páxinas suxeridas