Estás en:Novas

O cine París de Muros recupera o seu esplendor como centro sociocultural

As obras, financiadas polo Plan Único da Deputación da Coruña con 266.000 euros, inclúen a renovación da cuberta e a recuperación da fachada

Valentín González Formoso visitou hoxe a localidade muradá para supervisar as diferentes obras financiadas pola Deputación

Un total de 146 autónomos e microempresas de Muros solicitaron as axudas do PEL-Reactiva

González Formoso destacou "o elevado número de solicitudes ao PEL Reactiva, o que deixa clara a importancia dun plan que reparte 12 millóns de euros para unha provincia mentres que a Xunta destina 17 millóns de euros para toda a comunidade"

O cine París de Muros recupera o seu esplendor como centro sociocultural

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, as obras de rehabilitación do Cine París, no Concello de Muros, que permitirán darlle unha nova vida como centro sociocultural a este edificio emblemático que se atopa no centro do municipio.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a localidade muradá para supervisar as diferentes obras que alí ten en marcha a Deputación con cargo aos fondos do Plan Único e foi recibido no salón de plenos pola alcaldesa, Inés Monteagudo, e membros da corporación. Na visita tamén participaron o deputado Blas García e a deputada Sandra González.

Unha das actuacións financiadas a través do Plan Único é a recuperación do antigo Cine París. Os traballos, que xa están moi avanzados, supoñen un investimento de 266.000 euros e inclúen a renovación da cuberta e o acondicionamento da fachada para, posteriormente, darlle unha nova vida como centro sociocultural.

Ademais, o presidente provincial tamén aproveitou para visitar outras obras na zona vella de Muros e que contan con fondos do Plan Único como pode ser a mellora integral que se está a acometer na zona de Chalón, onde se instalan novos pavimentos e tamén se aproveita para recuperar os tradicionais lavadoiros.

González Formoso lembrou que "o Plan Único aumenta este ano considerablemente para todos os concellos, e tamén para Muros, que conta cunha asignación de 600.000 euros dos que 140.000 euros irán destinados para facer fronte aos gastos sociais orixinados pola pandemia".

Inés Monteagudo quixo "agradecer a visita do presidente e os investimentos da Deputación en Muros, que son imprescindibles" e recalcou que "a obra do Cine París era moi agardada porque a situación do edificio era dramática, pasou de ser unha actuación estética a ser de seguridade xa que corría risco de derrubamento. Agora dá gusto velo e cambiou a sensación dos comercios e establecementos desta zona".

146 solicitudes ao PEL Reactiva

No apartado de Emprego, a Deputación da Coruña vén de recibir un total de 146 solicitudes de autónomos e microempresas de Muros para participar nas axudas do PEL Reactiva. "O elevado número de peticións, tanto aquí como en toda a provincia, deixa clara a importancia dun plan que reparte 12 millóns de euros para unha provincia mentres outras administracións como a Xunta de Galicia destinan 17 millóns de euros para toda a comunidade", destacou o presidente, que aclarou que "non é suficiente e non nos reconforta pero que si que nos satisfai ver que a resposta dos destinatarios é moi positiva".

Ademais, a Deputación presentará un novo PEL Concellos dotado de 3 millóns de euros de orzamento e que, no caso de Muros, permitirá contratar a outros 6 traballadores a maiores dos 6 cos que xa conta.

Axuda de 17.000 euros para a confraría

González Formoso visitou tamén a Confraría de Pescadores de Muros, onde mantivo un encontro co patrón maior, Daniel Formoso Moledo, e con outros representantes do sector pesqueiro do municipio. Alí, interesouse pola situación actual e as diferentes problemáticas que se lle presentan a un sector estratéxico na economía local e anunciou que recibirán 17.000 euros dentro da liña provincial de subvencións a confrarías, dotada de medio millón de euros.

Páxinas suxeridas