Estás en:Novas

O escritor Xosé A. Neira Cruz gaña o XIV Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña coa novela "O enigma de Santiago"

O autor de Santiago de Compostela é o primeiro que repite no premio de Literatura Infantil e Xuvenil

O xurado destacou a alta calidade das obras presentadas e a achega da novela gañadora á literatura galega

O escritor Xosé A. Neira Cruz gaña o XIV Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña coa novela

O escritor Xosé A. Neira Cruz é o gañador da XIV edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil coa súa obra "O enigma de Santiago". Neira Cruz convértese no primeiro escritor que gaña en dúas ocasións o certame convocado pola Deputación da Coruña.

Un xurado composto por Paula Carballeira, Míriam Ferradáns, Antía Otero, e Tero Rodríguez ademais do autor da edición anterior, Valentín Alvite, co deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, decidiu conceder o premio á Xosé Antón Neira Cruz coa súa obra "O enigma de Santiago", presentado co lema "Tempos fugit".

O xurado destacou que a novela describe unha "trama arredor do poder que se artella a través de feitos históricos construíndo un relato atractivo destinado ao público infantil". Valorou tamén o "dominio de referencias artísticas e o históricas, cunhas personaxes moi ben armadas, de maneira especial, o protagonista, que evoluciona ao longo da novela".

A obra gañadora, segundo o xurado, establece unha "ligazón entre dúas épocas históricas a través dun elemento fantástico que, a pesar diso, resulta críbel e verosímil". "O misterio da trama atrapa como unha promesa, procurando na experiencia lectora a sensación de estar ante un enigma que che gustaría que fose resolto e que atrapa como unha promesa", explica o xurado na resolución do premio dunha obra que conta unha historia na que destaca "a presenza de relacións de poder nunha cidade que poden ser extrapolables á sociedade enteira, descubrindo os artificios de manexo do poder cun estilo narrativo moi acorde cos nosos tempos e coa lectura da actualidade".

O xurado valorou tamén a alta calidade das obras presentadas e considerou que a de Neira Cruz supón unha importante achega á literatura galega.

O autor

Xosé A. Neira Cruz é xornalista, escritor e profesora da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado en Xornalismo e en Filoloxía Italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación e en Filoloxía Italiana pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou estadías de estudo, docencia e investigación na Universidade de Boloña, na Internationale Jugendbibliotehk de Múnich, na Bibliotèque Nationale de France, na Biblioteca Medicea Laurenziana e máis no Archivio di Stato de Florencia, así como nas Universidades de Lyon (Francia), Macerata (Italia), Rio Grande do Norte (Brasil), Islandia e Lodz (Polonia).

Autor de máis de 30 obras de creación literaria, recibiu, entre outros, o Premio Merlín (1988 e 2000), o Barco de Vapor (1997 e 1999); o Raiña Lupa da Deputación da Coruña, en 2002; o Lazarillo da OEPLI, en 2004; o Fiz Vergara Vilariño de poesía do Concello de Sarria, en 2007; o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnich; os premios Barriga Verde e Manuel María de teatro, da AGADIC, o Repsol de Novela en 2017; o Ánxel Fole de Narrativa Curta do Concello de Lugo, en 2019 ou o Carlos Mosteiro de Literatura Infantil e xuvenil do Concello da Pobra do Caramiñal, en 2019.

Páxinas suxeridas