Estás en:Novas

A Deputación inicia as obras de mellora da seguridade viaria nos accesos ao colexio de Andrade (Pontedeume)

Valentín González Formoso e Bernardo Fernández supervisaron as obras, que atenden unha antiga reivindicación da veciñanza e da comunidade educativa deste centro escolar

Os traballos, financiados con máis de 310.000 euros pola Deputación, inclúen a construción de accesos peonís seguros, a ampliación da estrada, a creación dunha zona de aparcamento e a mellora do alumeado

A Deputación e o Concello de Pontedeume agradecen á veciñanza a súa colaboración cedendo os terreos para facer realidade este proxecto nun curto período de tempo

A Deputación inicia  as obras de mellora da seguridade viaria nos accesos ao colexio de Andrade (Pontedeume)

A creación dunha senda peonil que lle permita ao alumnado do centro escolar de Andrade e á veciñanza desta parroquia eumesa circular con seguridade será por fin unha realidade en poucos meses.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde de Pontedeume e portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, e o presidente da asociación veciñal de Andrade, Francisco Marta, visitaron a zona para supervisar as obras de mellora da seguridade da estrada DP-09056, que conecta a estrada que vén de Campolongo co núcleo do Grobe e dá acceso ao centro escolar de Andrade. Uns traballos nos que o organismo provincial inviste 310.384 euros para construír beirarrúas, ampliar o ancho da vía, crear novas zonas de aparcamento e renovar o alumeado.

Valentín González Formoso destacou que as obras inclúen a creación dunha senda peonil de dous metros de ancho, "para que os nenos e nenas que van ao colexio poidan facelo con seguridade, como demandaban con moita razón os veciños da zona".

O presidente indicou ademais que o proxecto inclúe outras melloras importantes da seguridade como a ampliación do ancho da calzada, que pasa de 5 a 7 metros ou a renovación completa do alumeado público, ademais da creación de novas zonas de aparcamento no entorno do colexio público e a mellora da recollida de pluviais en todo o tramo.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, que tamén é portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, destacou a importancia desta actuación xa que "cumpre unha vella reivindicación que desde hai décadas vén reclamando a veciñanza desta parroquia e a propia comunidade educativa do colexio de Andrade".

"Gañamos en seguridade viaria para os escolares, para os veciños e tamén para o tráfico rodado, pois por esta estrada circulan un número importante de vehículos cada día", apuntou o alcalde, que agradeceu "a colaboración e xenerosidade" dos veciños para ceder os terreos e facer realidade este proxecto nun curto espazo de tempo.

As obras teñen un prazo de execución de 5 meses, polo que se prevé que estean completamente rematadas no inicio da primavera de 2021.

Páxinas suxeridas