Estás en:Novas

A Deputación financia a través do Plan Único un proxecto para mellorar a rede de abastecemento en Osedo, Sada

A actuación, que sae a licitación cun orzamento de 136.439,98 euros, inclúe a instalación de diversas canalizacións e a reposición do pavimento
O Plan Único financia este ano 65 obras de construción de redes de abastecemento e saneamento de auga nos municipios da provincia da Coruña

A Deputación financia a través do Plan Único un proxecto para mellorar a rede de abastecemento en Osedo, Sada

A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único un proxecto para mellorar a rede de abastecemento na parroquia de Osedo, do Concello de Sada.

A actuación ven de saír a licitación no perfil de contratante do Concello e conta cun orzamento de 136.439,98 euros, financiados a través do Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña.

Os traballos consisten na colocación de canalizacións de abastecemento e distribución de auga potable no Camiño do Palomar (Osedo), Camiños da Torrete (Seixedo) e Camiños As Gateñas (Xan Amigo), que conectarán con redes xa existentes. Ao remate da obra, está prevista a reposición de todo o pavimento afectado.

Das 319 obras que este ano financia o Plan Único da Deputación nos concellos da provincia, un total de 65 son para proxectos de construción de redes de abastecemento e saneamento de auga nos municipios da provincia da Coruña.

Estas obras relacionadas co ciclo da auga supoñen un investimento de algo máis de 7 millóns de euros.

O prazo para a execución dos traballos é de 2 meses e o último día para que as empresas presenten as súas ofertas ao proceso de licitación é o 21 de decembro.

Páxinas suxeridas