Estás en:Novas

A Deputación licita por 1,1 millóns de euros as obras de ampliación da estrada DP-7802 de Roxos a Reborido, en Santiago

As obras permitirán ensanchar os primeiros 2,6 quilómetros da estrada que conecta os núcleos de Roxos e Frais, onde se cruza co Camiño Santiago-Fisterra

A vía contará tamén con beiravías de seguridade laterais

A Deputación licita por 1,1 millóns de euros as obras de ampliación da estrada DP-7802 de Roxos a Reborido, en Santiago

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación da primeira fase das obras de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial DP 7802 de Roxos a Reborido, en Santiago de Compostela, cun orzamento de 1.123.606,18 €.

O Goberno provincial presidido por Valentín González Formoso dá así luz verde ao proceso de contratación dunhas obras que suporán unha importante mellora da seguridade do tráfico, ao contemplar un ancheamento da calzada e a creación de beiravías de seguridade nos laterais.

Nesta primeira fase levarase a cabo o ancheamento e mellora da vía dende o punto quilométrico 0+390 (Roxos) até o 2+620, unha vez atravesado o núcleo rural de Frais. O seguinte quilómetro 2+620 ao 3+710 (Reborido) será obxecto da segunda fase.

O inicio da estrada (PK 0+000) ten lugar en Roxos, enclave próximo a Santiago con carácter urbano no que se inicia unha estrada de dous carrís cun ancho de 7 metros, franxas para aparcadoiro e beirarrúas en ambas marxes, que conforman unha plataforma total de 16 metros nos primeiros 400 metros da vía.

A partir do PK 0+400, onde comezarán as obras, a plataforma redúcese considerablemente e desaparecen as zonas de estacionamento e as beirarrúas, cun ancho de estrada que varía dende os 6 aos 4 metros no tramo que vai ata o PK 1+060 (fin do núcleo de Roxos). Cabe destacar que nesta zona prodúcese un cruce co Camiño Santiago-Fisterra-Muxía.

Unha vez rematado o núcleo de Roxos, no tramo que vai ata Frais (PK 1+060 ao 2+100) a calzada ten unha anchura de entre 5 e 6 metros, aínda que existen tramos máis estreitos como o que discorre na ponte sobre o rego de Roxos (3,90 metros de ancho). O último tramo (ata o PK 2+620) atravesa o núcleo rural de Frais, cunha anchura media de calzada de 4,4 metros.

Esta primeira fase do proxecto contempla a ampliación da vía nos 2,6 primeiros quilómetros do seu percorrido, ao seu paso polos núcleos de Roxos e Frais. A calzada contará con dous carrís de 3,5 metros, con beiravías dun metro a cada lado, totalizando un ancho de plataforma de 9 metros.

O proxecto inclúe ademais a pavimentación da vía, dotándoo dunha nova capa de rodaxe con base de cascallo artificial e superficie de mestura bituminosa en quente e rego de adherencia en toda a plataforma, así como a instalación de novo sistema de drenaxe, e renovación da sinalización horizontal e vertical.

Páxinas suxeridas