Estás en:Novas

A Deputación da Coruña licita por 995.368 euros as obras de mellora da estrada DP 2302 de Hospital a Brens, en Dumbría

As obras incluirán a ampliación e mellora da estrada, modificando catro interseccións e dotándoa de beiravías

A Deputación da Coruña licita por 995.368 euros as obras de mellora da estrada DP 2302 de Hospital a Brens, en Dumbría

A área de Vías e Obras da Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de ampliación e mellora da seguridade na estrada DP-2302 de Hospital a Brens, no Concello de Dumbría.

As obras contan cun orzamento de licitación de 995.368,84 euros, aos que hai que sumar os 94.154,67 euros que se destinarán ás expropiacións necesarias para levar a cabo o proxecto, segundo explicou o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, que tamén é alcalde de Dumbría.

As actuacións proxectadas levaranse a cabo na DP-2302, que une os núcleos de Hospital e Brens, entre os PK 2+100 e 5+890. Consisten na mellora da estrada, aumentando a sección actual dotándoa de dous carrís de circulación con 3 metros de ancho e beiravías de 0,50 metros.

Executaranse tamén melloras no trazado da vía, modificando catro interseccións, suavizando curvas e executando novos carrís de espera e cuñas para facilitar as incorporacións e mellorar a visibilidade. Ademais, repoñerase o firme en toda a zona de actuación.

O obxectivo desta actuación é mellorar as condicións de seguridade viaria na zona, garantindo a coexistencia de peóns e automóbiles e mellorando a funcionalidade en certos tramos da estrada.

O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 28 de decembro.

Páxinas suxeridas