Estás en:Novas

A Deputación inviste máis de 300.000 euros para acondicionar pistas no rural de Melide e crear unha senda en Folicheiro

As actuacións financiaranse con cargo ao Plan Único do ente provincial e permitirán mellorar a seguridade viaria en diversos puntos moi transitados que actualmente se atopan en mal estado.
As iniciativas están en fase de licitación.

A Deputación inviste máis de 300.000 euros para acondicionar pistas no rural de Melide e crear unha senda en Folicheiro

A Deputación da Coruña mellorará a seguridade viaria do Concello Melide coa creación dunha senda peonil en Folicheiro e a pavimentación e acondicionamento de pistas na zona rural do termo municipal. Os traballos contarán cun investimento de 313.619,67 euros cargo ao Plan único do ente provincial.

A Deputación prosegue coas tarefas de mellora de infraestruturas na provincia, que neste caso permitirán incrementar a seguridade viaria na zona rural de Melide a través do acondicionamento de pistas que estaban en mal estado debido ao tránsito de maquinaria e vehículos pesados, á densidade do tráfico e ás condicións meteorolóxicas.

Así pois levaranse a cabo accións de limpeza nas cunetas, varrido e preparación da superficie, pavimentación e reposición de sinalización nas pistas a Ponte da Pedra, a Xubial, acceso ao Ribeiro, ramal a pista Martagona, a Penacova, acceso a Iglesia Folladela, acceso ao Casal e acceso a Marcoraos. As actuacións contarán cun orzamento de 214.298,32 euros con cargo ao Plan único.

Por outra banda, investiranse 99.321,35 euros na creación dunha senda peonil en Folicheiro a ambas marxes da estrada co obxectivo de mellorar a seguridade dos peóns que transitan por ela, ademais da mellora da vía existente. A senda estará feita con lastre e pavimento de mestura bituminosa en quente. Tamén se acondicionará unha zona de aparcamento con lastre artificial e pedra con dous tratamentos asfálticos. Á súa vez, levaranse a cabo tarefas de asfaltado do viario existente e crearase unha rede de recollida de pluviais.

Todas as actuacións sinaladas atópanse en fase de licitación. As empresas interesadas no proxecto de construción da senda peonil en Folicheiro poderán presentar as súas ofertas ata o 28 de decembro de 2020, mentres que as que o fagan para a pavimentación das pistas no rural terán ata o 21 de decembro deste ano para facelo.

Páxinas suxeridas