Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Colexio de Arquitectos de Galicia colaboran para axilizar a tramitación de licenzas urbanísticas nos concellos da provincia

Valentín González Formoso e Elena Aixendri asinaron o convenio, que comezará a aplicarse inicialmente en Betanzos, Rianxo, Abegondo e Cambre

Suporá unha minoración de custos económicos e de cargas administrativas para as persoas tanto físicas coma xurídicas usuarias do servizo

A Deputación da Coruña e o Colexio de Arquitectos de Galicia colaboran para axilizar a tramitación de licenzas urbanísticas nos concellos da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia Aixendri, asinaron un convenio de colaboración que permitirá simplificar a tramitación das licenzas e outros actos urbanísticos ao permitir que os concellos da provincia da Coruña descarguen a documentación técnica dos solicitantes a través da plataforma dixital do COAG. O acto contou tamén coa asistencia do deputado de Economía e Facenda da institución provincial, Antonio Leira Piñeiro.

O convenio, que ten vixencia durante catro anos, suporá unha minoración de custos económicos e de cargas administrativas para as persoas tanto físicas como xurídicas solicitantes, xa que non terán que achegar nin incorporar nas peticións de licencias e outras autorizacións que xa estean tramitadas polo COAG, ademais de reducir tamén a carga do traballo do rexistro presencial dos concellos da provincia. O operativo ofrecerá validez legal á documentación que se incorpora nos expedientes administrativos, e certificará a seguridade xurídica de todos os actos administrativos.

González Formoso destacou que o acordo permitirá "reducir trámites burocráticos" e avanzar nunha administración "máis áxil e eficiente ao servizo da cidadanía". O presidente explicou que o convenio comezarase a aplicar inicialmente nos concellos de Betanzos, Rianxo, Abegondo e Cambre, e estenderase proximamente ao resto dos concellos da provincia aos que dá soporte a Deputación da Coruña.

Elena Ampudia explicou que o uso da plataforma colexial, como "gran contedor de documentación", garante a implantación e desenvolvemento da tramitación telemática nas administracións de maneira "eficiente" con independencia do grao de desenvolvemento tecnolóxico do administrado.

O convenio tamén permitirá a normalización da documentación técnica e administrativa de carácter xeral. Esta documentación, tramitada nos concellos, estará tipificada, estruturada e asinada conforme ao modelo normalizado que o Colexio de Arquitectos se encarga de ter axeitadamente actualizado segundo as disposicións legais vixentes.

Ademais, o acordo asegura a garantía sobre a identidade e habilitación dos técnicos redactores no caso de traballos visados e sobre a identidade e colexación noutros casos. O procedemento de tramitación colexial inclúe estas verificacións dos técnicos asinantes, polo que se evitará a solicitude e xestión de documentación adicional para a súa verificación por parte dos concellos.

Así mesmo, habilitarase un mecanismo telemático que permitirá aos concellos da provincia da Coruña, coa conformidade do solicitante da licenza urbanística ou tramitación urbanística, así como dos técnicos redactores do traballo profesional vinculado, obter en formato electrónico unha copia da documentación técnica e administrativa tramitada no Colexio de Arquitectos. Así, eximirase aos solicitantes da licenza urbanística ou tramitación urbanística da obriga de achegar dita documentación en papel ou dixital aos diferentes departamentos administrativos dos concellos.

Páxinas suxeridas