Estás en:Novas

A Deputación licita as obras de ampliación da estrada DP 1802 de Veiga de Cabana a As Pontes, cun investimento de 1,4 millóns de euros

As obras permitirán mellorar a seguridade na vía ampliando os primeiros 8,8 quilómetros da plataforma da estrada, que discorre polos núcleos de Goente e A Faeira e construíndo unha senda peonil de 281 metros

Valentín González Formoso supervisou as obras da senda peonil de Ribadeume, nas que se invisten outros 227.000 euros para completar a mellora de seguridade da estrada DP1802

A Deputación licita as obras de ampliación da estrada DP 1802 de Veiga de Cabana a As Pontes, cun investimento de 1,4 millóns de euros

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de ampliación e mellora dos primeiros 8,8 quilómetros da estrada provincial DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes, nas que investirá 1.462.425 euros.

O goberno provincial presidido por Valentín González Formoso dá así luz verde de forma definitiva a un importante proxecto que permitirá anchear e mellorar a seguridade viaria ao seu paso polos núcleos de Goente e A Faeira, onde a plataforma será ampliada ata os 7 metros de ancho e beiravías de medio metro, o que contribuirá a mellorar a seguridade, tanto da circulación coma dos peóns.

Nos primeiros 281 metros da estrada, onde a DP 1802 entronca coa estrada principal AC-664 que conecta Cabanas e As Pontes, executaranse unha senda peonil elevada de dous metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda da calzada, coa que se pretende garantir a circulación dos veciños e viandantes en condicións de seguridade axeitadas.

As obras incluirán tamén a construción dun sistema de drenaxe e recollida de pluviais, a completa renovación do pavimento da estrada e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.

Avanza a construción da senda de Ribadeume

Na mesma estrada DP 1802, entre os puntos quilométricos 15+280 e 16+230, ao seu paso polo núcleo de Ribadeume, a Deputación está investindo outros 227.697 euros para mellorar a seguridade peonil coa construción dunha senda de dous metros de ancho na marxe dereita da calzada.

Os traballos, que xa están nunha fase de execución avanzada, inclúen tamén a mellora do alumeado público en todo o tramo coa instalación de novas luminarias LED e novo sistema de drenaxe e recollida de pluviais.

O presidente provincial e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou a zona acompañado dos enxeñeiros do departamento de Vías e Obras da Deputación para coñecer in situ a evolución destes traballos e destacou que ambos proxectos "suman un investimento próximo a 1,7 millóns de euros, o que o converte nun dos maiores proxectos que executa actualmente a Deputación na rede provincial de estradas".

As obras, apuntou González Formoso, suporán "unha mellora da seguridade da estrada", da que se beneficiarán tanto os veciños dos núcleos lindeiros, que disporán de zonas de circulación peonil segura, coma os numerosos vehículos que circulan pola vía a diario.

Páxinas suxeridas