Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Camariñas invisten 102.266 euros na renovación da rede principal de abastecemento de auga do municipio

Valentín González Formoso e Sandra Insua asinaron hoxe o convenio para financiar as obras, que substituirán a actual rede de tubaxes por unha nova de polietileno

Esta infraestrutura abastece a 2.500 persoas, aumentando esta cifra no verán, e tamén á industria conserveira

A Deputación e o Concello de Camariñas invisten 102.266 euros na renovación da rede principal de abastecemento de auga do municipio

A Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas investirán 102.266,95 euros nas obras de renovación da rede principal de abastecemento de auga ao centro do municipio, que se levarán a cabo na súa maior parte na zona coñecida como 'A Reja'.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa, Sandra Insua, asinaron hoxe o convenio para o financiamento dos traballos, aos que a Deputación achegará 80.000 euros e que implicarán a substitución da actual tubaxe de fibrocemento de 200 mm. que une o depósito de abastecemento de Camariñas co núcleo de Outeiro, onde se realizará a conexión coa tubaxe existente, por unha nova de polietileno..

Sandra Insua agradeceu o apoio económico da Deputación para executar unhas obras que permitirán solucionar os constantes problemas de mantemento que está a ter a día de hoxe unha rede que xa é moi antiga e que sofre periodicamente fallos na subministración e avarías.

"Trátase dunha obra importante para Camariñas, xa que esta traída de auga da servizo a uns 2.500 veciños e veciñas, unha cifra que se incrementa notablemente no verán, e abastece tamén a unha das principais industrias conserveiras do municipio", explicou a alcaldesa.

Pola súa banda, Valentín González Formoso, destacou "o compromiso" do goberno provincial para apoiar os municipios coruñeses na mellora das súas infraestruturas e servizos básicos coma o abastecemento de auga.

Páxinas suxeridas