Estás en:Novas

A Deputación da Coruña inviste 850.000 euros na mellora de infraestruturas en Val do Dubra

Saen a licitación as obras do Plan Único, que inclúen a mellora da piscina municipal de Bembibre e a construción dunha nova piscina infantil

As obras inclúen a pavimentación de 20 rúas e camiños municipais en diversas parroquias do municipio

A Deputación da Coruña inviste 850.000 euros na mellora de infraestruturas en Val do Dubra

A Deputación da Coruña financiará, a través do Plan Único, as obras de arranxo e ampliación da piscina municipal de Bembibre e a mellora e pavimentación de 20 rúas, camiños e accesos e núcleos rurais do concello de Val do Dubra.

Os investimentos, que acaban de saír a licitación e comezarán a executarse nos primeiros meses de 2021, suman un importante investimento de 849.919 euros, que contribuirá a mellorar notablemente as infraestruturas do municipio.

Entre eles, cun orzamento de 91.914 euros destacan as obras de ampliación e mellora da piscina municipal de Bembibre, na que se arraxarán as humidades que afectan á instalación. Levaranse a cabo traballos de impermeabilización, dotarase dunha nova bomba de achique e arranxarase o sistema de drenaxe da canaleta perimetral. Tamén se mellorará o axardinamento exterior da piscina, crear novas sendas entre os xardíns e restaurar o peche perimetral da instalación.

As obras inclúen a construción dunha nova piscina infantil, que compartirá socorrista e vestiarios coa actual, pero contará cun espazo delimitado para os máis pequenos.

Mellora de vías

O Concello de Val do Dubra destinará a maior parte dos fondos do Plan Único a obras de mellora de, camiños e pistas municipais en diversas parroquias do municipio.

A pavimentación dos núcleo de Estebande e Novexilde, a renovación integral da rúa Rueiro (Portomouro), a mellora das vías de Padrón á estrada de Bembibre, de Bembibre a Rieiro e Casal, de Rebordelos a Tordoia, de Abelenda a Trazo, de Faxón a Barral ou de Nariño a Feais, ou a mellora dos pavimentos no rueiro interior de Portomouro son algúns dos 20 proxectos financiados co apoio da Deputación da Coruña.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a contribución do Plan Único á reactivación económica da provincia e á mellora das infraestruturas e servizos básicos dos pequenos municipios rurais.

Desde a súa creación en 2016, o POS+ financiou a execución de 2.257 obras nos municipios da provincia.

Páxinas suxeridas