Estás en:Novas

A área de Cultura da Deputación da Coruña remata a programación anual no Teatro Colón o día 23 cos cantos galegos e portugueses "De Natal aos Reis"

Emilio Rúa e Ugia pecharán o día 17 e 18 o ciclo #tres-voces-en-liña

Os concertos poderán seguirse en liña a través da páxina de youtube da Deputación da Coruña

A área de Cultura da Deputación da Coruña remata a programación anual no Teatro Colón o día 23 cos cantos galegos e portugueses

Os concertos de Emilio Rúa e Ugia dentro do ciclo #tres-voces-en-liña e o espectáculo de cantos galegos e portugueses "De Natal aos Reis" porán fin este ano á programación da área de Cultura da Deputación da Coruña no Teatro Colón. Os concertos serán de entrada libre mais, dada a limitación de aforo pola pandemia, poderán seguirse en directo pola canle de youtube da Deputación da Coruña.

A área de Cultura da Deputación da Coruña programa para o fin de ano tres concertos en liña coa canción como eixo principal. Emilio Rúa e Ugia os días 17 e 18 ás 20:00 e os "Cantos de Natal aos Reis" coa tradición musical de Galiza e Portugal da man de Catarina Moura, César Prata e Ariel Nunas, tres intérpretes das dúas beiras do Miño, porán fin á programación musical da institución neste ano no Teatro Colón.

O proxecto de Emilio Rúa "Lendas do Camiño" o día 17 e a nova proposta escénica de Ugia o día 18 completarán o programa de tres voces singulares que se poderán gozar ao vivo a través da canle de Youtube da Deputación da Coruña ao tempo que se están producindo no Teatro Colón, como maneira de ampliar o aforo por medios dixitais.

"Os concertos terán lugar nun espazo único como é o Teatro Colón mais, polas restricións da Covid, serán moi poucas as persoas que poderán asistir en directo polo que decidimos que, espectáculos desta singularidade, merecían chegar a un público máis amplo cunha retransmisión online", explica o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O ciclo #tres-voces-en-liña ofrecerá así a presentación do novo disco de Emilio Rúa, "Lendas no Camiño" e a nova proposta escénica de Ugia Pedreira "A Pedreira", que completan o programa despois do concerto de Faia "Ao cabo Leirín" do pasado venres.

"Da mesma maneira que o concerto de Faia que iniciou o ciclo, temos convencemento de que os de Emilio Rúa e Ugia Pedreira son apostas de calidade que mostran o nivel da música galega de creación propia, a singularidade de tres voces poderosas e con personalidade de seu que queremos difundir e promover", apunta o deputado de Cultura que anuncia tamén que a programación da Deputación da Cultura no Teatro Colón rematará o ano o día 23 de decembro co concerto "De Natal aos Reis", coa tradición musical de Galiza e Portugal por medio de tres intérpretes das dúas beiras do Miño da man de Catarina Moura, Cesar Prata e Ariel Ninas.

"Trátase dunha iniciativa para difundir a riquísima tradición musical que une Galiza e Portugal con extraordinarios cantos que sorprenderán pola súa beleza nunha proposta que une tamén artistas dos dous lados da fronteira", sinala Xurxo Couto.

PROGRAMA

Emilio Rúa: Lendas no Camiño

xoves, 17 de decembro de 2020 | 20:00

Emilio Rúa amosa dun xeito intimista con guitarra e piano parte das lendas que compilou durante 20 anos converténdoas en cancións e que se plasmarán nun disco no 2021. Como di o autor "profundizo nesta temática galega que é parte do noso Patrimonio Cultural Inmaterial, moi valioso, que resistiu o paso do tempo e se mantivo vivo grazas á xente que as transmitiu de boca en boca''. Ademais neste espectáculo estarán presentes outras cancións da súa autoría e dos seus discos, sempre imprescindibles nos directos.

Ugia Pedreira: A Pedreira

venres, 18 de decembro | 20:00

A Pedreira é a nova proposta escénica da artista Ugia Pedreira. É un espectáculo que acredita na música como unha arte escénica. Guitarra en mao pasa por múltiples mesturas sonoras, desde unha dama vintage do blues da galeguidade á cantautora de numen folk americano, ou latinoamericano, unha rapeira trad ou unha sofisticada pandereiteira galega con reminiscencias africanas. A Pedreira é o proxecto en solitario de Ugia, desta vez para ela soa. Acompañada de guitarra, pandeireta e o seu corpo móbil incorpora, nalgúns momentos, ao músico bretón Pierre-Yves Rougier con quen comparte vida, visión e común pensar sobre o feito musical.

Do Natal aos Reis Cantos da Galiza e Portugal

23 de decembro de 2020 | 20:00

Do Natal aos Reis. Cantos da Galiza e Portugal é un concerto temático sobre a tradición musical da Galiza e de Portugal. Tres músicos a tocar cancións propias das dúas beiras do Miño que comparten a mesma tradición nas festas de Nadal. Cancións de Noiteboa ou de Consoada, de Natal, Manueles, de Ano Vello ou de Aninovo, de Reis ou Xaneiras... repertorio que popularmente se interpreta de casa en casa por un grupo de persoas que piden o aguinaldo. Mudanza de ciclo anual e solsticio de inverno, cantos ao Neno, aos Reis Magos e á Epifanía nun estilo moi particular e diferente doutros xéneros das nosas músicas populares. Son cancións que o pobo continuou a cantar! O galego Ariel Ninas e os portugueses Catarina Moura e César Prata con diversos instrumentos (zanfona, guitarras, dulcimer, adufe, harmónica, percusións e fundamentalmente voz) cantan e tocan temas tradicionais do tempo de Natal da Galiza e de Portugal. Este proxecto foi gravado ao vivo pola RTP (Rádio Televisão Portuguesa) e emitido en todo Portugal a noite do 24 decembro de 2017. No Nadal de 2019, aCentral Folque edita o disco en formato CD, dispoñíbel en todas as plataformas dixitais. Os concertos poderanse seguir a través da canle de Youtube da Deputación da Coruña. https://www.youtube.com/channel/UCKQ5c-iwBW44-3ig8DxN0EQ 

Páxinas suxeridas