A Deputación da Coruña reforza os servizos sociais e de axuda no fogar dos concellos da provincia
En 2021, o goberno de González Formoso incrementa ata os 8 millóns de euros o orzamento destinado a servizos sociais comunitarios para facer fronte aos efectos da pandemia
Con cargo a este programa, os concellos contrataron este ano a 170 profesionais especialistas no eido social e financiaron 291.000 horas de servizo de axuda a domicilio, que dan emprego a máis dun centenar de persoas nun servizo esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos

A Deputación da Coruña volve incrementar o orzamento do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, que en 2021 sobe de 7 a 8 millóns de euros, o que permitirá "reforzar os programas de protección social dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia e axudarlles a facer fronte aos efectos da pandemia", explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso.
A institución provincial acaba de publicar no BOP as bases da convocatoria 2021 deste programa, ao que poden concorrer todos os concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes e que se destina a financiar a contratación de persoal técnico e administrativo especializado na área de Servizos Sociais, así como os servizos de axuda no fogar.
Con cargo a este programa contratáronse directamente este ano 170 profesionais e financiáronse 291.000 horas de servizo de axuda a domicilio, que dan emprego a máis dun centenar de persoas nun servizo esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos. En total, unhas 280 persoas atenden as necesidades sociais dos concellos con cargo ás axudas da Deputación, unhas cifras que se verán incrementadas en 2021 grazas a esta suba do 15% no orzamento.
De 4 a 8 millóns en catro anos
"Somos conscientes do gran esforzo que supón para os pequenos concellos contar cun cadro de persoal de profesionais especialistas no eido social, por iso seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos poidan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio", afirmou o presidente Valentín González Formoso, que lembrou que nos últimos catro anos o seu goberno duplicou o orzamento desta liña, que pasou de 4 a 8 millóns de euros anuais.
"Os profesionais que axudamos a contratar son os que buscan solucións aos problemas diarios das persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles, os que atenden nas casas aos maiores e dependentes...", explicou González Formoso, que destacou que moitos municipios viron incrementada a carga de traballo do seus servizos sociais debido á crise provocada pola Covid-19.
A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou tamén a importancia dun programa que "permite que a cidadanía conte cuns servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do municipio onde vivan" e apuntou que o incremento permitirá superar as 300.000 horas anuais de axuda no fogar.
"Con este programa, a Deputación quere estar preto da xente que máis o precisa e permitir á cidadanía contar cuns servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do lugar onde vivan", afirmou da deputada, que destacou ademais que a achega da Deputación para financiar os servizos de axuda no fogar é de 12 euros/hora, moi superior aos 9 euros/hora que dispón a Xunta de Galicia para o mesmo fin.
O programa permitirá financiar o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). Tamén se inclúe un prezo de 12 euros/hora para financiar o persoal do servizo de axuda no fogar. O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.
Estes profesionais atenden cada día a miles de cidadáns con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.