Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o proxecto "A Vila do mañá" para facer as cidades habitábeis en tempo de pandemia

A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia a iniciativa a través da liña de subvencións a proxectos singulares en concorrencia competitiva

O deputado Xurxo Couto, a coordinadora Sandra González e a arquitecta Luz Paz presentaron o proxecto que recolle a experiencia en Arzúa

A Deputación da Coruña apoia o proxecto

Cambiar o concepto dos espazos urbanos e facelos habitábeis para as persoas, coas urxencias que impuxo a pandemia, é o obxectivo do proxecto "A Vila do Mañá" que conta co apoio da Deputación da Coruña a través da liña de subvencións en concorrencia competitiva para proxectos singulares. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, a coordinadora Sandra González e a arquitecta, Luz Paz presentaron o libro na Deputación da Coruña.

O libro "A vila do mañá en tempos de pandemia" recolle a experiencia do proxecto en Arzúa como modelo de actuación na nova normalidade co obxectivo de construír coas novas xeracións un futuro mellor para as persoas en vilas e cidades, en especial, en tempo de pandemia, cando se precisan espazos amplos para cumprir os protocolos sanitarios."

Trátase, sen dúbida, dun proxecto singular e con futuro que se desenvolveu en distintos concellos cunha grande repercusión social e que mereceu o apoio a través da nosa liña de proxectos singulares", explica o deputado de Cultura, Xurxo Couto, que relatou na súa intervención na presentación como "a aparición da pandemia fixo que todo mudase e urxiu a buscar novos espazos de socialización, defender a liberdade de nenos e nenas cando se impuxeron conceptos como a distancia social ou o confinamento por iso foi necesario adaptar este programa ás novas circunstancias".

Mudar a experiencia da vivencia de espazos públicos en vilas e cidades e contribuír a que o urbanismo se adapte ás persoas é o obxectivo deste proxecto no que, como lembrou Xurxo Couto, participaron xa máis de 2000 nenos e nenas. "En moitos concellos en que se desenvolveu esta iniciativa as crianzas descubriron unha nova realidade, aprenderon a vivir a cidade sen medo mais tamén con precaución, adaptándose agora a cumprir os protocolos sanitarios", sinalou o deputado.

A coordinadora de "A vila do mañá", a arquitecta Sandra González, destacou tamén o cambio de rumbo dun proxecto que traballaba para recuperar as cidades e vilas para as persoas e, de repente, "se viu nunha crise que nos levou a esquecernos dese fin e nos obrigou a pecharnos nas casas e iso deunos tamén a oportunidade de pensar como queremos as cidades e vilas e mesmo se os espazos públicos son suficientes para as persoas, por exemplo, se as rúas permiten camiñar con distancias de metro e medio"

Arzúa foi, neste sentido, un "laboratorio de experimentación" para o proxecto que mostrou que "os espazos non están preparados para as persoas. Os nenos e nenas viven nunha caixa e pasan a outras máis grandes como centros comerciais ou mesmo parques. Comprobamos, por exemplo, que os debuxos que fan os de Bertamiráns son os mesmos que os que fan os nenos e nenas de Sao Paulo", sinalou a coordinadora.

Sandra González concluíu a súa intervención afirmando que "as cidades teñen que ser para as persoas, non para os coches polo que é preciso cambiar o concepto e facelas máis visíbeis e menos hostís".

Pola súa parte, a arquitecta e profesora da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña, Luz Paz, parabenizou a organización do proxecto porque, ao seu ver, "deixa á vista o papel social da arquitectura" que traballa con nenos e nenas para "que coñezan a súa vila e tamén para transformala e adaptala á súa vida".

"A situación que estamos a atravesar co coronavirus levounos a vivir o espazo público con reticencia, nunca sentimos tanto medo a saír e este proxecto achega os nenos a esta nova realidade polo que é unha ferramenta útil para esta situación e unha oportunidade para achegarnos de novo ao espazo público", afirmou.

Páxinas suxeridas