Estás en:Novas

A Deputación licita por 369.774 a mellora da estrada provincial de acceso a Corme pola Campara e Pazos

As obras foron unha das demandas do alcalde, Lois García Carballido, ao presidente da Deputación e suporán unha importante mellora da seguridade viaria nos accesos a Corme

A Deputación licita por 369.774 a mellora da estrada provincial de acceso a Corme pola Campara e Pazos

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras de mellora e renovación do firme dos tres primeiros quilómetros da estrada provincial DP 6805 da Campara a Pazos, en Ponteceso, cun investimento de 369.774,72 euros.

Esta obra foi unha das demandas que lle trasladou o alcalde, Lois García Carballido, ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nunha estrada que rexistra un elevado tráfico de vehículos.

As obras comezarán coa apertura de cunetas e limpeza das marxes da vía para continuar despois co fresado e reparación das zonas máis danadas do firme e o acondicionamento dos accesos para evitar que entre a auga nas vivendas.

Dado que o firme actual conta só cun tratamento superficial e é bastante irregular, executarase unha nova capa de regularización de espesor variable e completarase a actuación coa dotación dunha capa de mestura asfáltica en quente de 4 cm de espesor.

As obras incluirán tamén a substitución de 40 metros de varanda metálica galvanizada e a colocación dunha nova bionda de seguridade e a posta a terra das terminacións da bionda xa existente.

O prazo de execución das obras será de cinco meses a partir do seu inicio.

Páxinas suxeridas