Estás en:Novas

Cultura da Deputación da Coruña e AS-PG presentan un programa de conversas a fondo con figuras da cultura galega

As poetas Eva Veiga e Yolanda Castaño entrevistan a Pilar Pallarés, Alba Cid e Olga Novo, entre o conxunto de conversas de 70minutos.con

O deputado, Xurxo Couto, destaca o papel da AS-PG na promoción e difusión da cultura

Cultura da Deputación da Coruña e AS-PG presentan un programa de conversas a fondo con figuras da cultura galega

As poetas Pilar Pallarés, Alba Cid e Olga Novo, as tres Premios Nacionais de poesía, son entrevistada polas tamén poetas Eva Veiga e Yolanda Castaño no programa de convertas 70minutos.con que esta maña presentaron o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, xunto coa presidenta da AS-PG, Patricia Varela Fernández. A iniciativa forma parte do conxunto de proxectos da entidade que reciben apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Tres foron os proxectos da AS-PG apoiados pola Deputación da Coruña que foron presentados en rolda de prensa polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a presidenta da entidade, Patricia Varela. Trátase de dúas iniciativas que atoparon na rede o seu espazo natural neste ano de pandemia, o Tíralle da Lingua e o concurso de Podcats e, de maneira especial, o novo proxecto 70minutos.con que ofrecerá en rede conversas con importantes figuras da cultura galega e de temas para o debate de especial actualidade.

"Estas iniciativas demostran que a AS-PG ademais de ser unha entidade cunha longa historia con máis de catro décadas de traballo, conta cunha traxectoria continuada de creación e fomento da nosa cultura, con especial dedicación á promoción da nosa lingua e a renovación pedagóxica converténdose en entidade de referencia para ensinantes galegos", sinalou Xurxo Couto.

Como explicou o deputado de Cultura, a Deputación apoia o programa de actividades da AS-PG a través da liña de subvencións en concorrencia competitiva coa que, segundo sinalou, "son fundamentais para o desenvolvemento e a difusión da nosa cultura no territorio". A presidenta da AS-PG, Patricia Varela destacou que o seu proxecto anual "foi posíbel, como o doutras entidades, grazas ao apoio da Deputación da Coruña polo que moitos creadores e creadores poden seguir desenvolvendo os seus proxectos, en especial, neste tempo tan difícil coa emerxencia sanitaria".

Destacou Patricia Varela que, neste ano tan complexo pola aparición da pandemia, a AS-PG fixo da necesidade virtude e aproveitou de maneira especial as novas tecnoloxías para a difusión da cultura e o desenvolvemento dos seus proxectos anuais. Neste sentido, o encontro de narración oral "Tíralle da Lingua" pasou a desenvolverse en liña, posibilitando unha participación máis ampla e permitindo que calquera persoa poida acceder aos contidos desde a web da asociación.

Da mesma maneira aconteceu co concurso de Podscats, que incorporou dous obradoiros formativos. 70minutos.con para falar da cultura Patricia Varela presentou como "proxecto estrela" deste ano o novo programa 70minutos.con que ofrece conversas con grandes figuras da nosa cultura e debates de actualidade. "A idea inicial era realizar encontros con autores e autoras presencialmente mais non puido ser e decidimos mudalos á rede, co cal perdemos en proximidade pero gañamos en difusión", explicou a presidenta da AS-PG que destacou que os vídeos están publicados na súa conta de youtube e poderán ser vistos en calquera momento, chegando a un público maior.

En especial, citou Patricia Varela as conversas con tres das principais voces da nosa poesía como son Pilar Pallarés e Olga Novo, que conseguiron o Premio Nacional de Poesía nas últimas edicións, e Alba Cid, gañadora do Premio Nacional de Poesía para voces novas Miguel Hernández, entrevistadas polas tamén poetas Yolanda Castaño e Eva Veiga. "Foi unha gran sorte poder contar con todas elas que nos ofrecen conversas en profundidade protagonizadas por grandísimas voces poéticas", sinalou Patricia Varela.

Ademais, o programa ofrece unha conversa sobre binormativismo con Xosé Ramón Freixeiro Mato e Eduardo Maragoto e un encontro sobre Carvalho Calero da man de Manolo Castelao e Ramona Giráldez. Os vídeos van acompañados pola música da violinista Elsa Ferrer, o acordeonista, Alberte Núñez e o dúo Clara Pino & Alberto Vidal. As conversas están dispoñibeis desde a páxina e o youtube da AS-PG.

Páxinas suxeridas